Besteiro considera que a Xunta ten que aclarar moitas cousas antes de tomar unha decisión sobre Ence
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou, ao ser preguntado sobre o posicionamento actual da Xunta respecto á planta de Ence na ría de Pontevedra, que antes de tomar unha decisión o Executivo galego debe “aclarar moitas cousas”.
A preguntas dos xornalistas, denunciou tamén “contradicións” no posicionamento do PP, despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non descartase a permanencia da planta na ría de Pontevedra.
“Durante seis anos o PP non dixo nin esta boca é miña, é máis todo o contrario”, indicou Besteiro ao denunciar as que considerou “contradicións” no discurso dos populares.
Así, puxo como exemplo ao exconselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas e actual alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Fernández, do que dixo que de “atacar furiosamente á empresa” pasou a “comentarios a favor”.
“Non existe nin información nin compromiso do goberno da Xunta, máis que esconderse en termos electorais”, engadiu o dirixente socialista, quen reclamou unha explicación “sobre que pasou” coa proposta do goberno de Emilio Pérez Touriño respecto “á capacidade de poder trasladar esa iniciativa empresarial”, dixo sobre a planta.
Por todo iso, manifestou que “antes de tomar unha decisión, hai que aclarar moitas cousas”. “Teñen que falar alto e claro a propia empresa e a Xunta”, indicou. Mentres, engadiu que a postura do PSOE pasa pola defensa dos empregos, “pero cun equilibro xusto coa sostenibilidade ambiental”, engadiu.











