publicidade hoxe

Benestar expón os 21 proxectos que compiten no certame Xuventude Crea en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaXuventude
A-
A+
Ovidio Rodeiro visitou a mostra no IES Rosalía Castro. Foto: C. Paz

Ovidio Rodeiro visitou a mostra no IES Rosalía Castro. Foto: C. Paz

Santiago acolle desde hoxe unha exposición dos 21 proxectos que compiten no certame Xuventude Crea 2015, que organiza anualmente a Consellería de Traballo e Benestar. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a mostra que estará aberta ao público ata finais deste mes no IES Rosalía de Castro, onde, ademais, deu a coñecer o nome do gañador do concurso de deseño do cartel do concurso. O seleccionado é Ángel Alberto Otero Frías, de Vigo, quen recibirá un premio de 500 euros.

O certame de creadores novos Xuventude Crea inclúe 11 especialidades: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, moda, fotografía, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro e videocreación.

O responsable da área autonómica destacou que “os obxectivos desta iniciativa son establecer ferramentas e ofrecer o apoio necesario para que os mozos e mozas sexan capaces de desenvolver os seus valores e habilidades, ao tempo que poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural e se fomenta a creatividade xuvenil e se mostra o talento da mocidade galega”.

Concurso audiovisual

No eido da creatividade, Rodeiro recordou que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ten aberta a convocatoria para o concurso de creación audiovisual sobre a Revista semanal da Rede galega de Información Xuvenil.

Nesta iniciativa poden participar os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, residentes en Galicia e sen vinculación profesional a empresas periodísticas ou á actividade profesional das industrias culturais. O prazo para a presentación de proxectos está aberto ata o 30 de xuño. Toda a información sobre este concurso está dispoñible no portal http://xuventude.xunta.es.

Rodeiro manifestou que “o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016 ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e o espírito empresarial, incluíndo 22 medidas concretas para seguir avanzando neste ámbito”.

Correspondentes xuvenís 3.0

Por outra banda, coincidindo coa súa visita ao IES Rosalía de Castro, Ovidio Rodeiro coñeceu in situ a experiencia das tres alumnas deste centro educativo que están a participar no programa Correspondentes xuvenís 3.0 promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Trátase dunha iniciativa que ten por obxecto promover o voluntariado e a difusión da información xuvenil por parte dos alumnos e alumnas dos centros educativos entre os seus compañeiros. Rodeiro resaltou que “deste xeito estamos ante axentes de información xuvenil entre iguais”. No total galego, no curso 2014-2015 participan do proxecto correspondentes xuvenís un total de 59 centros educativos e 331 alumnos.

13 de abril de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.