Belén do Campo visita na Coruña a mesa informativa do parkinson

Belén do Campo na visita á mesa informativa
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Asociación Parkinson Galicia-Coruña instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos. Trátase dunha das actividades enmarcadas no programa desenvolvido pola entidade con motivo do día mundial desta doenza, que se conmemorou o 11 de abril.
A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da organización que preside Ana Vidal o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación na que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
A delegada amosouse ademais interesada polas iniciativas que desenvolve a formación, creada en 1996, e que forma parte da Federación Española de Parkinson, a prol do colectivo de persoas con este tipo de doenza. Desde aquí, ofrécense diversos servizos terapéuticos, como os de fisioterapia, de logopedia ou de estimulación cognitiva, así como outros formativos e lúdicos. Neste senso, a Xunta ofrece asistencia a este traballo a través de distintos departamentos, como a Consellería de Traballo e Benestar e a de Sanidade.











