Belén do Campo visita as instalacións do programa de inclusión social A Sementeira en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOrdes
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá en Ordes as instalacións nas que se desenvolve o programa de inclusión social A Sementeira, que impulsa Cáritas do municipio. Do Campo, que estivo acompañada polo secretario da entidade, Clemente Boo, e outros representantes e colaboradores, así como polo alcalde, Manuel Regos, e o concelleiro do Partido Popular, José Luís Martínez, tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve a través desta iniciativa, unha estratexia impulsada para integrar nun itinerario máis amplo de inserción social e de traballo grupal a axuda económica e alimentaria que presta ás persoas desfavorecidas.

O programa deseñado pola entidade inclúe tres proxectos que serven de medio para a consecución destes obxectivos. En primeiro lugar, creouse un banco de terras destinado ao cultivo de hortas para o autoconsumo, do que se benefician 15 familias. Tamén se elaborou un plan de formación específico enfocado ao sector agroalimentario, que conta con 21 participantes e, por último, estableceuse unha bolsa de emprego a través da que se deseñan itinerarios persoais dos participantes no programa, se intermedia no mercado laboral entre o empresariado e os beneficiarios desta iniciativa e se impulsan proxectos comúns por conta propia ou allea.

Neste senso, Do Campo recoñeceu a “importante labor” que presta á sociedade Cáritas de Ordes e amosou o apoio do Goberno galego a ese traballo, a través da colaboración da Administración autonómica en aspectos como o asesoramento e a orientación para a posta en marcha de iniciativas vinculadas ao cooperativismo e ao acceso ás distintas accións formativas dirixidas a desempregados promovidas pola Xunta.

A visita de hoxe enmárcase na rolda de contactos levada a cabo por Do Campo coas entidades que desenvolven a súa labor social na provincia, co fin de estreitar a colaboración do Goberno galego con este tipo de organizacións para mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns.

13 de abril de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.