Belén do Campo destaca as “smart cities” como elementos clave na mellora da calidade de vida dos cidadáns

Belén do Campo no III Congreso Cidades Dixitais

Belén do Campo no III Congreso Cidades Dixitais

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, sinalou esta mañá que as “smart cities” que actualmente se están xestando no noso territorio, como son as de Santiago e da Coruña, constituirán un elemento capaz de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, tanto desde a vertente social como desde a económica. Neste senso, Do Campo indicou que estes novos proxectos responderán de xeito eficiente ás necesidades dos habitantes de cada vila e cidade e xerarán novas oportunidades de negocio que impulsen o tecido empresarial e social.

Así o manifestou durante a súa intervención no acto de inauguración do III Congreso Cidades dixitais: a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade, organizado pola Confederación española de empresas de tecnoloxías da información, comunicacións e electrónica (Conetic) e pola súa representante en Galicia, a Asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e das comunicacións (INEO). Neste foro, a máxima representante do Goberno galego na provincia explicou tamén que na actualidade “imponse a necesidade de adaptar o concepto de ‘smart city’ a cada cidade, en función do seu carácter e necesidades”. “Son as necesidades cidadás, e non as capacidades públicas ou privadas, as que determinan as solucións adoptar”, incidiu.

Do mesmo xeito, recordou que a Axenda Dixital de Galicia 2020, que está a elaborar o Executivo autonómico, afonda na estratexia de transformación de Galicia nun territorio intelixente. “Estanse a concretar as liñas de acción no eido educativo, sociosanitario, do transporte, do turismo, da preservación da cultura e patrimonio, entre outras moitas cuestións, e todo isto virá complementar e reforzar as ‘estratexias smart’ das vilas e cidades na nosa comunidade”, apuntou a delegada territorial.

Por último, Do Campo incidiu no papel relevante que xogan as TIC na estratexia dunha “rexión conectada e de cidadáns dixitalmente activos”. Por iso, sinalou que a transformación dunha cidade en “smart city” require de diversos factores como o impulso político, a visión estratéxica, a planificación, os recursos e, por suposto, o compromiso da industria TIC e de outros sectores servizos. “Pero, por suposto, -concluíu- resulta esencial conseguir a complicidade dos cidadáns, facéndoos partícipes dun proceso de transformación do seu entorno cotiá”.

21 de abril de 2015 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.