Beatriz Mato defende a utilidade das políticas activas de emprego

Beatriz Mato en Madrid
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe nunha mesa redonda sobre políticas activas de emprego no marco da conferencia ‘A Ágora do emprego’ na que defendeu a importancia das políticas activas de emprego “para gañar en eficiencia e en efectividade, para a mellora da empregabilidade real dos traballadores”.
Así mesmo, a conselleira incidiu na relevancia do novo modelo de formación aprobado polo Goberno a finais de marzo, que entende que outorga unha maior calidade ao aplicar “un estrito modelo de concorrencia competitiva”.
As políticas activas, segundo explicou Mato, “enriquecen o currículum, fortalecen a posición no mercado laboral e equiparan, na medida do posible, a oferta e a demanda de emprego”. Polo tanto, para a responsable de Traballo, investir nesta materia en época de crise é “a mellor ferramenta para axudar a conter a destrución de emprego e para a recolocación dos desempregados” mentres que, en épocas de bonanza, “o crecemento será tanto máis sólido canto máis fortes sexan estas iniciativas nunha sociedade”.
Estas políticas están especialmente deseñadas para as persoas en situación de desemprego e os colectivos que están a encontrar maiores problemas no acceso ao mercado laboral como os mozos e mozas, os parados de longa duración ou as persoas en situación de risco de exclusión.
No referente aos menores de 25 anos que nin estudan nin traballan, lembrou que a Xunta puxo en marcha o pasado mes de xaneiro o Programa de Garantía Xuvenil froito da colaboración directa co Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Unión Europea. A aplicación en Galicia conta con 9 medidas específicas e un orzamento de 49 millóns de euros.
Ademais, o departamento autonómico conta con outras medidas dirixidas aos mozos e mozas como o Plan de Emprego Xuvenil para reducir o desemprego entre os menores de 30 anos, que conta cun orzamento global de 100 millóns de euros. Ambos programas favoreceron que o desemprego entre os menores de 25 anos se reduciran en Galicia un 21,5% en 2014.
Parados de longa duración
En canto aos parados de longa duración, tamén no mes de xaneiro se acordou cos axentes sociais un plan complementario ao Programa Extraordinario de Activación para o Emprego que o Ministerio puxo en marcha a nivel nacional. Mato lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en deseñar un programa complementario de medidas “que se axusten coa maior precisión posible ás necesidades propias dos desempregados galegos”. Este plan conta con seis medidas específicas e un orzamento de 10 millóns de euros para un total de 20.000 potenciais beneficiarios en Galicia.
Beatriz Mato enumerou tamén un terceiro grupo prioritario, o das persoas en situación de risco de exclusión. Para este colectivo, o pasado ano púxose en marcha por primeira vez unha orde de contratación para perceptores da Renda de Inclusión de Galicia (RISGA) cun orzamento de 5 millóns de euros, cos que se financiou a contratación de máis de 600 beneficiarios en 120 municipios. Este ano dobrouse o seu orzamento ata os 10 millóns de euros, o que vai permitir acadar os 1.100 beneficiarios.
Programas específicos de Galicia
Ademais destas medidas, Beatriz Mato relatou diversos programas específicos da Comunidade desenvoltos no marcos das políticas activas de emprego, tales como a formación certificada, o recoñecemento da experiencia profesional, a concorrencia competitiva en formación e o contrato de formación dual.
Sobre a formación certificada, Mato explicou que a Xunta adicará 40 millóns de euros a actividades formativas para desempregados que teñen que contar cunha serie de esixencias como ser unha formación de calidade, homologada e orientada ás necesidades reais do mercado laboral. Esta vinculada á certificación oficial de formación e, de feito, practicamente o cen por cento das actividades neste eido financiadas pola Xunta son certificables. En total, desde 2009 expedíronse 50.000 certificados.
O programa de recoñecemento da experiencia profesional iniciouse en 2012 e, nas seis convocatorias xa pechadas, conseguírono 5.000 persoas.
A Conselleira de Traballo e Benestar engadiu que o departamento ten apostado en materia de formación por un “estrito modelo de concorrencia competitiva orientado fundamentalmente á obtención de certificados de profesionalidade entre entidades e centros debidamente acreditados”, é dicir, xa axustado ao novo decreto posto en marcha agora polo Estado. Na formación para ocupados, desde 2012, estableceuse nas diferentes ordes de convocatorias que unha parte das mesmas estivera destinada á formación certificable na que só podían concorrer os centros anteriormente reseñados.
Por último, Mato destacou a experiencia coa formación dual que se articula a través de contratos laborais dirixidos a desempregados menores de 30 anos. Trátase de contratos ligados a unha actividade formativa que ten que ocupar, como mínimo, o 25% da xornada laboral. A Xunta financia de forma voluntaria todas as actividades de formación que excedan este 25%, mentres que o primeiro 25% o financia o Estado a través de beneficios fiscais para as empresas.
Recentemente a Xunta estendeu estes contratos de formación dual aos concellos. En total, fináncianse 324 contratos tanto en empresas como en concellos, cunha inversión global de preto dun millón de euros.











