As xornadas de educación social e violencia de xénero porán a ollada nos feminismos para a erradicación da violencia machista
O Grupo de traballo sobre Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Fiadeiras, organiza a cuarta edición destas xornadas, que teñen como obxectivo principal sensibilizar e concienciar sobre a necesidade das boas prácticas para a eliminación de tódalas formas de violencia contra as mulleres.
Nesta ocasión, as IV Xornadas levan por título: “IV Xornadas Educación Social e Violencia de Xénero: Olladas Feministas para transformar a vida cotiá”, e desenvolveranse o 9 de abril, en horario de mañá, na Facultade de Ciencias da Educación de A Coruña.
A Educación Social ten ferramentas moi útiles para traballar a prol da Igualdade de xénero: sensibilizando, informando, coeducando e levando a cabo proxectos que permitan convivir nunha sociedade libre de violencia machista, máis xusta e igualitaria. Esta é a idea que se quere transmitir ao estudantado das facultades de Ciencias da Educación, aínda que o evento está aberto a calquera outra persoa interesada na temática.
Fiadeiras constituíuse no ano 2011 no seo do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia como un grupo de traballo a través do cal se levan a cabo accións reinvindicativas, formativas, divulgativas e lúdico-culturais, sempre centrándose na igualdade entre mulleres e homes e no fomento da perspectiva de xénero. Neste ano teñen previstas outras actividades, como un curso de formación, a elaboración dunha guía de comunicación non sexista, ou unha publicación sobre micromachismos.











