As regatistas galegas Cristina González e Carmen Alonso proclámanse campioas de España en clase Vaurien

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+
González e Alonso no podio

González e Alonso no podio

Onte finalizou o Campionato de España da clase Vaurien disputado esta semana Santa no encoro de Borbollón, en Estremadura. Á cita o R.C.N. Rodeira desprazou a tres tripulacións do seu equipo de regatas que pecharon un excelente papel, logrando o ouro na categoría xuvenil así como os tres caixóns do podio feminino, ocupado só por regatistas do club cangués.

O campionato estivo marcado pola falta de vento que dificultou a celebración das probas, disputándose tan só tres probas na xornada de onte. Por unha banda o tándem composto por Cristina González e Carmen Alonso (Watching Man) pechou un excelente papel acabando nas tres mangas 9-14-6 o que as colocou na décima posición na xeral e liderando as categorías xuvenil e feminina. Pola súa banda as súas compañeiras de grímpola Silvia Chamosa e Rosalía Paredes (Plásticos Carrera), situáronse en décimo terceira posición da xeral e segundas nas categorías xuvenil e feminina, pechando o podio nesta última categoría Carmen Cabanelas e Ana García (Revi), tamén do Náutico Rodeira, colocándose décimo sextas na xeral.

O seu adestrador, Andrés Jiménez, mostrou a súa satisfacción polo campionato realizado polos seus regatistas, “foi unha regata moi complicada con vento frouxo e moi variable o que complicou moito a táctica e o trimado. Tamén nos beneficiou a resolución de varias protestas que supuxeron un descualificado a algún dos nosos rivais directos” comenta. “En xeral as tres tripulacións navegaron a un bo nivel, con poucos erros” engade, “aspecto moi importante, que se viu reflectido na clasificación final”.

Tras o Campionato de España as regatistas volven coa moral moi alta para continuar traballando para as próximas citas que lles levará a Sanxenxo o próximo mes de maio para disputar en Campionato Galego e en xullo ao municipio holandés de Sneek, onde terá lugar o Campionato do Mundo.

6 de abril de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.