As obras de renovación da condución do depósito de San Simón a Vilalba son adxudicadas por preto de 700.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutras vén de adxudicar as obras de renovación da condución xeral desde o depósito de San Simón a Vilalba, por un importe de 660.520 euros á empresa Proyecon Galicia. Con esta actuación preténdese renovar un sistema de abastecemento obsoleto co fin de dotar o concello de Vilalba dunha rede de abastecemento de calidade e en cantidade, e con proxección de futuro, xa que terá capacidade para dar servizo a unha poboación de case 5.000 veciños no horizonte de 2037.
Augas de Galicia prevé que as obras comecen na segunda semana de maio, cun prazo de execución de 10 meses. Na actualidade, o Concello de Vilalba dispón dunha rede de abastecemento construída nos anos 60 en fibrocemento de diferentes diámetros, está moi deteriorada debido á súa antigüidade, polo que son frecuentes as roturas e como consecuencia importantes perdas de auga e cortes na subministración.
Esta tubaxe aliméntase por gravidade desde os depósitos de cabeceira de San Simón a través dunha redutora de presión. En época seca, cando o encoro de Pardasalbas non é capaz de subministrar o caudal requirido para a subministración, utilízase a captación das Cañotas no río Magdalena, e mediante un bombeo instalado na ETAP impúlsase a auga a un depósito elevado. Este depósito presenta deficiencias polas que se producen filtracións de auga potable.
Características técnicas
Co fin de dar solución aos problemas, proxéctase a substitución da actual tubaxe de fibrocemento, polo que se instalarán case 5 quilómetros de tubaxe de varios diámetros. No polígono industrial é imposible instalar a nova tubaxe na traza pola que discorre a de fibrocemento, xa que hai edificacións que obrigan a usar outro tipo de infraestrutura, polo que se instalará unha válvula redutora de presión con by-pass, para reducir a presión de 6 kg/cm a 2 kg/cm, situada no recinto do depósito para facilitar o seu mantemento.
Tamén se proxecta a impermeabilización do depósito e substitución de todas as conducións, desmontar e renovar totalmente a cámara de chaves e a conexión coa rede de distribución, así como a renovación dos accesos.
Augas de Galicia será o departamento encargado da execución desta actuación hidráulica e, polo tanto, aboará o 100% do investimento de licitación necesario (1.043.534), cuxo contrato público se prevé poder licitar a principios do vindeiro ano.
Con este tipo de colaboracións garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade, ao mesmo tempo que se aposta por un consumo responsable e polo fomento do seu aforro.