As obras da travesía da Barreira avanzan a bo ritmo de execución
O Concello da Laracha ten en fase de execución o proxecto de construción de beirarrúas para consolidar como travesía o tramo da estrada DP-0513 entre o núcleo de A Barreira e o límite co termo municipal de Arteixo. As actuacións avanzan a un bo ritmo, cumpríndose cos prazos previstos.
O proxecto consiste na implantación dunha senda peonil continua na zona de protección da estrada DP-0513 desde A Barreira en dirección a Paiosaco, sendo o seu inicio o lugar no que finaliza o ámbito peonil do núcleo de Estramil. A actuación afecta a ambas marxes da vía e a lonxitude lineal de novas beirarrúas superará os 1.200 metros. A anchura media da senda alcanzará os 1,80 metros ao longo do seu percorrido.
A obra estase a realizar desde os bordes exteriores da capa de rodadura. Durante a execución dos traballos non se está a invadir en ningún momento a plataforma de circulación dos vehículos e, por tanto, mantéñense intactas as condicións da estrada, sen necesidade de aplicar interrupcións temporais do tráfico.
Como elementos de seguridade está prevista a construción de dúas escolleras graníticas nas marxes da senda co obxectivo de salvar o desnivel con respecto aos taludes resultantes. Tamén se contempla a correspondente sinalización horizontal e vertical incluíndo, entre outras actuacións, o pintado de pasos para peóns.
Salientar, por último, que a nova infraestrutura contará coa canalización subterránea para a dotación de iluminación pública e que o proxecto tamén inclúe a realización da rede de drenaxe de augas pluviais e a renovación das tubaxes existentes do servizo de alcantarillado.
O Concello da Laracha financia integramente con fondos propios municipais este proxecto valorado en 240.000 euros.











