As catas no Centro Social San Andrés de Barrantes preparan a Ribadumia para a XLIII Festa do Viño Tinto do Salnés
A XLIII Festa do Viño Tinto do Salnés comeza como cada ano coas catas dos caldos, e por iso a Comisión de Festas xa deu a coñecer as datas e o lugar no que se realizarán nesta edición. Como xa se fixo na edición anterior, as catas realizaranse no Centro Social San Andrés de Barrantes creándose para elo un comité único de cata con representación de tódalas parroquias conformado por catadores e viticultores.
En canto á entrega de viños, os colleiteiros que se presentan pola categoría Tipo Tintos Barrantes deberán entregar os seus caldos no Centro Social de Barrantes os días 25 e 26 de maio entre as 19:00 e 22:00 horas. Na categoría Autóctonos, deberán entregar as botellas os días 16 e 17 de maio entre as 10:00 e as 12:00 horas, tamén no Centro Social de Barrantes.
As normas para participar no concurso de Viño Tinto tipo Barrantes inclúen a presentación de seis botellas tipo bordalesa, para as catas. Os viticultores clasificados na primeira Precata, terán que entregar quince botellas de viño Tinto Barrantes no lugar e día que lle comunique persoalmente a organización. Na categoría Autóctonos téñense que presentar 6 botellas na data antes mencionada co fin de envialos a analizar ó Centro Ecolóxico de Leiro.
As primeiras Precatas celebraranse dende o día 26 ó 30 de maio, ámbolos dous inclusive a partires das 21:00 horas no Centro Social de Barrantes. As finais celebraranse os días 3 e 4 de xuño a partir das 21:00 horas.
Inscrición de venta do viño tinto no stands
Por outro lado, o Concello e a Comisión de Festas acordaron marcar unha data límite para que os concursantes- colleiteiros se poidan inscribir e así poder vender os viños dentro dos stands que se instalarán na carpa da festa.
Tódolos colleiteiros interesados en vender o seu viño e dispoñer dun espazo axeitado na carpa, deben pasar polas dependencias municipais ou poñerse en contacto con calquera dos membros da Comisión de Festas, antes do próximo día 22 de maio.











