publicidade hoxe

Artistas e formacións de prestixio participan no VII Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondariz
A-
A+
Presentación do Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera

Presentación do Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera

O Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera desenvolverá entre os meses de abril e setembro, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un programa de concertos na igrexa barroca de San Martiño, en Covelo, Pontevedra, que contará con recoñecidos artistas e agrupacións.

O cartel da sétima edición desta iniciativa foi presentada hoxe no Balneario de Mondariz, nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor “a calidade e a diversidade desta oferta cultural no ámbito rural, que conta xa cunha importante continuidade no tempo”.

Seis concertos entre abril e setembro

Promovido pola Parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, o ciclo abrirá a súa sétima edición o vindeiro 25 de abril cun concerto inaugural a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX. A formación Luz y Norte ofrecerá o concerto do día 23 de maio, cun repertorio que terá como protagonista a música europea e latinoamericana dos séculos XVI e XVII. A seguinte sesión, o 20 de xuño, contará con solistas da Orquetra de Cámara Galega, mentres que o sábado 18 de xullo actuará a Capela Finis Terrae, con obras de Frescobaldi, Telemann, Bach e Haendel.

O 29 de agosto será a quenda de Vox Stellae, cun concerto conmemorativo do quinto centenario do nacemento de santa Teresa, con obras de Guerrero, Giovanni Palestrina e do cancioneiro popular. Finalmente, o ciclo despedirase da man da mezzosprano Belén Elvira que, acompañada do pianista J.A Álvarez Parejo, interpretará obras de Haendel, Scubert, Mascagni, Verdi o Falla.

O párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela; a directora artística do ciclo, Nieves García-Soto; o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba; o actor Maximino Queizán, que recitará no concerto do 29 de agosto, e Amalia Gallego, responsable de prensa do Balneario de Mondariz, tamén participaron na presentación da nova edición desta cita cultural que esperta cada ano o interese dos veciños do lugar, así como do público en xeral.

16 de abril de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.