Arrinca en Carballo a Aula de Gravado co recoñecido artista noiés Alfonso Costa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Inicio do curso de gravado

Inicio do curso de gravado

Dende o luns 6 de abril un total de 14 artistas de Carballo e comarca participan no Fórum Carballo na segunda edición da Aula de Gravado Municipal. Este espazo de formación artística arrincou a finais de 2013 da man do recoñecido gravador carballés Manuel Facal, e agora continúa coa experiencia do recoñecido artista noiés Alfonso Costa, con moita experiencia á hora de ensinar as claves da arte do tórculo e cunha longa traxectoria artística. Costa desenvolveu o seu traballo tanto en España como en Italia, Francia ou Alemaña, participando en importantes exposicións, feiras e certames cos seus deseños. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, considera “un privilexio que unha persoa tan recoñecida no mundo do gravado” sexa a encargada de impartir esta actividade. Durante a toma de contacto co alumnado, entre os que hai artistas xa moi coñecidos como Mon Lendoiro, Santi Picos, O’Mighelo, Chiña ou Antonio Taracido, entre outros, Costa quixo subliñar o aire de improvisación que teñen os gravados porque “o tórculo sempre quere dar sorpresas” e, ao final “o gravado é como un veleno”. O artista sinala que nas primeiras semanas da aula o obxectivo será afondar na técnica do augaforte para logo seguir co “monotipo” e experimentar con distintos materiais. Aconsellou certo grado de ousadía por parte do alumnado porque “o importante no gravado é non ter medo”, e transmitiu o seu entusiasmo que seguro terá resposta no alumnado nas próximas semanas. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, explicou que, ao igual que coa primeira edición da aula, está previsto realizar unha exposición cos traballos que o alumbado realice durante o curso.

7 de abril de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.