Apróbanse as bases do concurso fotopoético “Carballo mirando ao mar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar as bases para convocar o Premio Fotopoético “Carballo mirando ao mar”, incluído no proxecto do Grupo de Acción Costeira GAC3-Costa da Morte. Esta iniciativa ten como obxecto incentivar o coñecemento e a difusión dos espazos naturais da costa carballesa de Razo e Baldaio, así como poñer en valor os recursos costeiros de Carballo e concienciar sobre a importancia da conservación da contorna natural. Así mesmo, pretende vincular a posta en valor e a conservación da natureza e a paisaxe co amor polo propio e coa creatividade poética e visual. O concurso ofrecerá a posibilidade de participar en diferentes modalidades, ben cunha foto inédita, cun poema ou conxunto de poemas de creación propia, cun fotopoema (un conxunto de imaxe e poema individual ou colectivo) e, por último, a través dun vídeo poema de creación propia, individual ou colectiva. O último día para presentar traballos será o 25 de maio de 2015 e o prazo estará aberto dende a publicación das bases no web municipal. Outorgaranse catro premios de 1.250 euros cada un por cada unha das catro modalidades do certame, cun total de 5.000 euros en premios. Así mesmo, está previsto realizar unha selección dalgúns dos traballos presentados para realizar unha exposición.

O proxecto “Carballo, mirando ao mar”, en marcha dende novembro de 2014, ten como reto programar accións que acheguen os recursos do litoral carballés á capital municipal, e que trasladen o dinamismo da vila ás persoas que escollen Razo e Baldaio como lugar de veraneo ou visita. No apartado de contratación, a sesión supuxo a aprobación do expediente do contrato administrativo de obras de “Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas, incluída no Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación Provincial da Coruña”. O orzamento total ascende a 466.605,34 euros (IVE incluído) e os criterios de adxudicación serán o programa de traballo (17 puntos), o programa de actuación medioambiental (8 p.), o plan de control de calidade (13 p.) ou o esquema do plan de seguridade e saúde (12 p.), así como a oferta económica cun máximo de 40 puntos. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento, xa que realizaranse con céspede portante. Crearanse novas áreas de estacionamento no solar municipal onde se sitúan os depósitos de auga; e, despois do acordo cos propietarios, con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse un total de 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva cun firme especialmente deseñado para correr e camiñar. Así mesmo, recibiu luz verde na Xunta de Goberno o expediente de contratación para unha nova “Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus”, con un orzamento de licitación de 107.150,16 euros.

Subvencións para ANPAs e centros de ensino

As sesión supuxo, ademais, a adxudicación do contrato administrativo especial de “Concesión demanial da utilización privativa de bens e uso público municipal no casco urbano para a colocación de postos durante as festas patronais de San Xoán 2015-2016” á sociedade Pombo Eventos Atracciones y Ferias SL. O adxudicatario deberá abonar un canon ao Concello de 24.070 euros (sen IVE) por ano. A concesión poderá prorrogarse por un prazo de dous anos máis, previo acordo das partes. Tamén se adxudicou o contrato administrativo de servizos de “Asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller de Carballo” por un importe de 27.588 euros por un período de dous anos. No que se refire a subvencións, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación das bases da convocatoria de subvencións para a realización de Cabalgatas de Reis en 2015, que poderán ser dun máximo de 500 euros por entidade que as solicite. Tamén recibiron o visto e prace as convocatorias de subvencións para as Asociacións de Nais e Pais de alumnos das escolas, colexios e institutos de Carballo para a realización do programa de actividades educativas durante o ano 2015, así como as subvencións para as escolas ou colexios de primeiro ciclo de Educación Primaria e/ou Institutos de Educación Secundaria para a realización de viaxes escolares durante o ano 2015. Por último, a sesión supuxo a aprobación de dúas licenzas de obra, un vao permanente e unha licenza de primeira ocupación e apertura.

20 de abril de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.