Apertura do prazo de inscrición para a Carreira Pedestre “Concello de Oroso”
O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición na terceira edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que terá lugar o sábado 25 de abril en horario de tarde. Unha proba organizada polo Concello de Oroso e cuxo control correrá a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, delegación de Santiago de Compostela.
O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, espera continuar co crecemento espectacular que tivo esta proba nas súas dúas primeiras edicións. “Se nas dúas primeiras carreiras chegamos a 700 e 900 atletas, o obxectivo para este ano é continuar este crecemento e mesmo superar o milleiro de participantes”, apunta Rey Villaverde. Para conseguilo, o Concello de Oroso contará ao seu favor coa colaboración dos distintos centros educativos do municipio e o propio atractivo da proba.
Nesta carreira pedestre poderán participar todas as persoas que o desexen. As inscricións pódense formalizar dende hoxe e ata as 22:00 horas do mércores 22 de abril nas páxinas web www.carreirasgalegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago. As inscricións nas categorías escolares (de pitufo a xuvenil, é dicir, nacidos en 1998 e posteriores) son totalmente gratuítas, mentres que na proba absoluta a cota de inscrición é de 5 euros. Non se admitirán anotacións fóra do prazo indicado nin o propio día da carreira.
Probas e categorías
A III Carreira Pedestre “Concello de Oroso” disputarase a partir de 17:30 horas do sábado 25 de abril e inclúe un total de oito probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto correspondente a cada proba estará debidamente sinalizado.
Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán unha distancia de 10 quilómetros. Dentro da proba absoluta establécense sete categorías: júnior, sénior e cinco categorías de veteranos (A, B, C, D e E). Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar a proba dos pitufos (nados en 2010 e posteriores), que correrán uns 300 metros na rúa Camiño Inglés. A mesma distancia será percorrida dez minutos despois (17:40 horas) polos prebenxamíns (2008-2009).
Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2006-2007), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2004-2005) para dar dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). O mesmo percorrido tamén o farán os infantís (2002-2003), que sairán ás 19.15 horas. Pecharán a carreira os cadetes (2000-2001) e os xuvenís (1998-1999) percorrendo un total de 3 quilómetros, saíndo ás 19.30 e ás 19:45 horas, respectivamente.
A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará trofeos aos 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, homes e mulleres (os premios non serán acumulativos). Nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla.











