publicidade hoxe

Amplo programa de actividades para tódalas idades no Centro Cívico e Social de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Benestar Social do concello de Monforte deseñou un amplo programa de actividades socioculturais dirixidas a toda a cidadanía. O Concello financia unha serie de actividades que atinxen a un diverso campo de actuación, dende o exercicio físico ata a saúde psicosocial, pasando polo ocio e as novas tecnoloxías.

As instalacións do Centro Cívico e Social do Malecón acollerán a realización dunhas actividades que este ano diríxense a un amplo sector poboacional e non se limitan exclusivamente ás persoas maiores. Deste xeito, o Centro Cívico e Social cumpre unha das súas función primordiais, server como lugar de encontro e interrelación de persoas de todalas idades.

A oferta recolle actividades destinadas a persoas maiores de 65 anos, outras para a mocidade, e un gran número delas para tódalas idades.

As actividades levaranse a cabo durante os meses de abril, maio e xuño, e terán carácter gratuíto.

Os únicos requisitos para poder participar son:

-Ter a idade esixida para cada actividade.

-Estar empadroado/a no concello de Monforte.

-Non padecer doenza ou enfermidade que puidese provocarlle riscos para a saúde no desenvolvemento de actividades físicas.

As inscricións para tomar parte nas actividades socioculturais deberán realizarse no Rexistro do Concello entre os días 13 e 15 de abril, de 10:00 a 14:00 horas. Esta solicitude supón a aceptación de tódolos criterios de participación, así como seguir as directrices e instrucións que se indiquen tanto dende os Servizos Sociais Comunitarios como por parte dos/das monitores/as responsables das actividades.

As persoas interesadas poderán solicitar a participación nun máximo de tres actividades, adxudicándose as prazas por rigorosa orde de rexistro de entrada das solicitudes e sempre que existan prazas suficientes. Prevalecerá a primeira das opcións seleccionadas, e concederase a segunda e a terceira actividade solicitada únicamente no caso de que as persoas que sinalaran estas actividades como opción preferencial non cubran a totalidade das prazas dispoñibles nas mesmas.

As persoas que presenten solicitudes e non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de espera, obtendo praza no caso de producirse alguna baixa e sempre por rigorosa orde de solicitude.

A listaxe de persoas admitidas publicarase o día 17 de abril na páxina web do concello de Monforte, no taboleiro de anuncios dos Servizos Sociais Comunitarios e no tabolerio de anuncios do Concello, dispoñendo da posibilidade de renunciar á praza nos dous días hábiles posteriores á data de publicación da listaxe (20 e 21 de abril).

No caso de que a persoa que participe nalgunha das actividades acumule tres faltas sen xustificar, producirase a súa baixa e perda de dereitos, ocupando a súa praza outra persoa que figure na lista de espera.

A listaxe de actividades ofertadas inclúe xerontoximnasia, obradoiro de internet, ximnasia acuática (piscina), memoria e obradoiro de cine, destinadas a persoas maiores de 65 anos. Obradoiro de comic e obradoiro de stop-motion, dirixidas a mozos e mozas de 13 a 18 anos. As demais actividades están abertas á participación de persoas de calquera idade e son as que seguen: obradoiros de cerámica, risoterapia, baile, lectura/escrita creativa, pintura, bolillos, manualidades e teatro.

O Concello resérvase o dereito a modificar ou suspender calquera das actividades se non existise un número suficiente de persoas inscritas ó comezo da mesma.

En documento adxunto figura a listaxe de actividades con toda a información relativa ás mesmas: data de inicio, días, horario e lugar de celebración, e duración de cada unha delas.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ós Servizos Sociais Comunitarios, no Centro Cívico e Social do Malecón, Tlf. 982 41 65 41, ou consultar a páxina web do concello www.monfortedelemos.es

12 de abril de 2015 | 09:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.