publicidade hoxe

Alumnos do IES Poeta Añón de Outes gañan o concurso da Deputación da Coruña de guións contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOutes
A-
A+

A Deputación da Coruña celebrou esta mañá o acto de entrega da primeira edición dos premios do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero ao que se presentaron un total de 17 traballos. Os gañadores foron catro alumnos do IES Poeta Añón de Outes co traballo titulado Convidados de pedra. Os autores son Antía Villar, Melissa Lado, Luís Mayo e Alberto Rodríguez, que contaron coa docente Manuela Campos Agrafojo como titora.

O xurado elixiu o traballo gañador por unanimidade e destacou a súa “calidade técnica, a orixinalidade traballando cunha escena dentro doutra e a importancia da mensaxe de concienciación social e impacto, así como da viabilidade de execución”. Ademais, considerou que a historia “encaixaba perfectamente co obxecto do concurso procurando involucrar á sociedade”. Valoraron tamén que para a realización da curta terán que contar con máis persoas.

Como premio, os catro alumnos de Outes poderán realizar un curso práctico de realización de curtas, no que poderán producir o seu guión, onde se recrea unha falsa situación de maltrato para comprobar as reaccións das persoas implicadas.

Aínda que as bases do concurso só contemplaban un único gañador, o xurado, que conta co presidente da Asociación Galega de Guionistas, Carlos Ares, como portavoz, decidiu facer ata 5 mencións honoríficas a traballos procedentes dos institutos David Buján de Cambre e o Maruxa Mallo de Ordes.

O presidente da Deputación, Diego Calvo, acompañado pola deputada responsable da área de Igualdade, Zaira Rodríguez, foi o responsable de anunciar o gañador, entregar os diplomas e agradecer a todos os participantes o seu traballo e esforzo.

“É en vós onde está o futuro e, polo tanto, a clave para acabar non só coa violencia de xénero, senón con calquera discriminación por sexo”, declarou o titular provincial.

Máis iniciativas

Este premio súmase a outras iniciativas postas en marcha desde a Deputación da Coruña como o Concurso de Viñetas pola Igualdade, para o que onte se pechou o prazo de presentación de candidaturas e que nesta sexta edición versa sobre o papel da muller no sector primario baixo o título de “Elas”.

Pero esta non é a única iniciativa desenvolvida pola institución provincial para a sensibilización da mocidade neste ámbito. Recentemente, por exemplo, desenvolveuse a campaña No amor non todo vale, unha xornada lúdica que se celebrou en ata 9 concellos da provincia; ou o programa educativo desenvolvido nos colexios de ata 15 municipios A indiferenza non é unha opción.

Ademais, a institución provincial desenvolveu tamén o seu circuíto de actuacións teatrais da man do grupo Ghazafelhos coa obra O país dos mandóns. Se en ocasións anteriores se interpretou esta obra en 17 concellos, nesta última quenda foron outros 14 municipios aos que puideron acoller o espectáculo para educar aos máis pequenos e pequenas da casa na igualdade.

Exemplo a seguir

No acto desta mañá contouse coa presenza de Sonia Méndez e Camila Bossa, directora e actriz da curta Conversa cunha muller morta,  que tamén trata esta temática.

Tras o visionado do filme, as dúas protagonistas, xunto coa deputada Zaira Rodríguez e todos os asistentes ao acto (preto de 90 estudantes da provincia) puideron desenvolver un debate arredor do  seu argumento

9 de abril de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.