Alumnos da escola infantil “A Galiña Azul” celebran o día do libro cunha visita á biblioteca
Os alumnos da Escola de Educación Infantil “A Galiña Azul” visitaron, en compañía das súas profesoras, a Biblioteca Municipal de Ponte Caldelas onde puideron coñecer todas as súas dependencias e descubrir o mundo de posibilidades que lle ofrece este centro de lectura.
Os pequenos celebraron o Día do Libro a través da lectura dun conto a cargo da responsable da Biblioteca Municipal quen foi descubrindo os múltiples instrumentos de que dispón este centro de lectura para incentivar a súa imaxinación.
A responsable da Biblioteca Municipal convidou os nenos a facerse socios e mostroulles os principais fondos bibliográficos da sala de lectura infantil co fin de que poidan facer uso deles cando queiran.
Os Bolechas e o mundo dos dinosauros cativaron a atención dos nenos que revisaron con emoción a gran cantidade de libros que as responsables da Biblioteca puxeron á súa disposición para poder ser consultados na sala de lectura.
Esta iniciativa promovida pola Escola Infantil “A Galiña Azul”, en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, pretende que os nenos coñezan os servizos municipais de lectura e préstamo de libros dos que poden facer uso á vez que fomentan a afección á lectura desde idades ben temperás, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro.











