publicidade hoxe

Alfonso Zarauza estrea en youtube unha nova peza do Chanfaina Lab, “Liorta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Un home, unha longa noite de troula e un atormentado amencer en San Sadurniño. Todo condensado en tres minutos de video cunha fin desacougante e desconcertante. Esa é a proposta do director Alfonso Zarauza para o Chanfaina Lab, o encontro audiovisual que reuniu en San Sadurniño a primeiros de setembro ao máis escollido do que se deu en denominar Novo Cinema Galego. A curta titúlase “Liorta” e é unha das máis experimentais de todas cantas se realizaron no proxecto. Por varias razóns: o actor elíptico, a gravación cámara en man e o xeito tan particular co que se nos narra unha fuxida parsimoniosa entre alentos intensos, non se sabe se por un sentimento de culpa ou polo subidón de ter matado por pracer.

Alfonso Zarauza foise consolidando chanzo a chanzo como un dos directores máis prometedores do cine galego. Desde as primeiras curtametraxes na Escola de Imaxe e son de Coruña, Zarauza foi madurando como un autor con mirada de seu sen fuxir de ningú punto de vista. O melancólico e lírico de “A noite que deixou de chover”; o analítico sobre as dificultades de facer cinema en Galicia reflectido en “Encallados”, ou o crítico-social da longametraxe “Os fenómenos”, a súa consagración profesional definitiva que aínda se proxecta en salas comerciais.

Da ficha da súa peza en Fálame extraemos que para a Chanfaina Lab Zarauza apostou por unha ficción un tanto peculiar. Sabía que a maioría dos seus compañeiros no proxecto colaborativo ían apostar polo documental, e por iso el optou por realizar unha ficción narrativa, aínda que non empregando fórmulas convencionais. “As miñas premisas eran esas, que fora ficción e que tivera, a ser posible, certo sentido do humor. E finalmente tirei por aí e creei unha pequena peza de ficción narrativa, mais sen actores e cunha narración máis implícita que explícita”, explica o propio autor.

A súa fonte de inspiración foi unha canción de Johny Cash “Matei un home en Reno, simplemente por velo morrer…” Tamén foi un referente o cinema crepuscular de Sam Peckinpah -o primeiro que non tivo reparos en mostrar no cine a parte violenta da vida- que envolve a viaxe sen retorno do personaxe, mentres mira ao ceo empedrado, seguindo a maraña de cabos que atan de poste en poste San Sadurniño e tamén o resto de Galicia.

Por outra banda, a peza engarza cunha certa tradición festeira e brava das parroquias do concello, que está moi presente na canción popular “Fun á feira de San sadurniño”, feita famosa pola Charanga do Cuco de Velle a partir dun poema publicado en 1895 por Constantino Fernández no Almanaque galego.

10 de abril de 2015 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.