Agafan organiza en Lugo o III Encontro de Familias Numerosas
Dando continuidade ao proxecto iniciado o pasado mes de Outubro, pola Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), onde se mostra a preocupación deste colectivo, ante o informe elaborado pola Xunta en xullo do pasado ano, onde se informaba que máis de 18.000 fogares galegos con menores están en risco de exclusión social, celebrarase o próximo 18 de Abril na cidade de Lugo, o III Encontro de Familias Numerosas.
Trátase de organizar xornadas informativas, reivindicativas e con fins solidarios, en diferentes cidades galegas, abertas para todas as familias sexan numerosas ou non, xa que é nas contornas urbanas onde se detecta o maior risco de exclusión social. Nas cidades de Vigo e Ourense desenvolvéronse os Encontros anteriores. Os lugares de celebración vanse elixindo en función dos niveis problemáticos que presentan, xa non só en canto ao alto número de familias en risco de pobreza, senón tamén polo desazonador descenso da natalidade.
A xornada celebrarase o sábado 18 de Abril na Pza. Anxo Fernández Gómez e o horario será de 11 h. a 18 h. Haberá mesas informativas para que os pais e nais poidan saber máis das axudas ás familias numerosas, e tamén talleres e actividades lúdicas para os pequenos. Os beneficios da xornada irán destinados ao Proxecto Referentes de Igaxes3, unha iniciativa que busca persoas que queiran converterse en mentores de mozos e mozas sen apoio familiar, para acompañarlles no seu camiño cara á vida independente. Este proxecto, que leva máis de dous anos funcionando en Lugo, quere seguir crecendo para lograr que cada vez máis novos poidan contar co seu propio referente.
A Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) é unha entidade sen ánimo de lucro, independente, dedicada á defensa e promoción das familias con fillos, en especial as numerosas. Membro da Federación Española de Familias Numerosas. IGAXES3 é unha organización non lucrativa que traballa para a incorporación social plena das persoas en situación vulnerable. Está especializada na atención e apoio á independencia dos mozos e mozas amparados polo sistema de protección de menores.











