AGACA asina un convenio de colaboración cunha compañía francesa experta en créditos comerciais
AGACA vén de asinar, esta mesma mañá, este convenio de colaboración coa Coface en España, polo que as cooperativas que, a partir do 1 de maio, subscriban as pólizas de seguro (da entidade e dos socios) a través de UCOGA, poderán acceder a condicións vantaxosas vinculadas aos créditos comerciais.
Entre outros beneficios accederán a importantes descontos e contratacións individuais con tratamento específico para cada empresa membro; coberturas destacadas nas exportacións en todos os países; facilidades para intervir ante os impagos e incluso, facilidades no acceso a financiamentos bancarios, entre outros.
A firma do acordo, de carácter anual e renovable tacitamente, desenvolveuse na sede de AGACA, en Santiago de Compostela, e nela participaron Víctor Baltar Estévez, en calidade de Director Territorial para o Noroeste de España de COFACE, e José Montes Pérez, Presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.
COFACE
Coface, Compagnie Française pour l’assurance du Commerce Exterieur, traballa no mercado internacional dende hai máis de 70 anos, contando cunha potente rede de expertos en todo o mundo con capacidade para informar sobre os socios comerciais en preto de 200 países, baseándose na dotación de sistemas para detectar e monitorizar os riscos en tempo real, cunha ampla base de datos con información sobre 67 millóns de empresas.
UCOGA
Corretaxe de seguros conformada integramente por cooperativas galegas e na que tamén participa AGACA. Nace en 2013 co fin de ofrecer un servizo especializado na actividade aseguradora no sector agroalimentario.











