AFAL convidou aos escolares do colexio das Mercedarias a porse na pel dun enfermo de Alzhéimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Escolares no circuito para descubrir o alzheimer

Escolares no circuito para descubrir o alzheimer

Despois de que medio centenar de estudantes do colexio Mercedarias de Ferrol, xunto as súas profesoras, participasen hai uns meses nun encontro interxeneracional cos maiores de AFAL Ferrolterra, o equipo da asociación desprazábase recentemente ao centro educativo para convidar aos estudantes a coñecer un pouco máis a enfermidade. Para iso, a presidenta da entidade, Milagros Prieto, explicou que as traballadoras de AFAL impartiron unha charla informativa, acompañada de proxeccións e imaxes e, posteriormente, convidaron os nenos a participar no Circuíto do Alzhéimer de AFAL.

A través do mesmo, os estudantes puideron facerse unha idea de como sente o enfermo. O Circuíto consta de cinco estacións onde se propoñen diferentes probas, como tentar porse unha chaqueta con tres ou catro mangas; escribir sinxelos exercicios nun papel cunha luva de boxeo; encestar unha pelota nunha canastra coas mans atadas ou subir uns pequenos chanzos con zapatos de pallaso. Unha forma de ver as dificultades que os enfermos atopan en actos tan rutineiros do día a día debido á deterioración ou perda de dificultades. É unha efectiva fórmula de concienciación en torno ao Alzhéimer que calou moi positivamente entre os escolares de 5º de Primaria que participaron na actividade.

Todos eles acudiran en febreiro ao Centro de Día Terapéutico de AFAL na rúa Río Castro. Unha visita que formaba parte duns dos proxectos educativos do centro, e polo que, divididos en dous grupos de 25 alumnos, quixeron ler uns contos ideados e redactados por eles mesmos nas súas clases de lingua galega. Relatos que encantaron aos usuarios de AFAL. Ademais, e ao fío do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, os nenos e nenas cantaron e recitaron a súa obra máis recoñecida “Adiós ríos, adiós fontes”. E, a continuación, os estudantes quixeron charlar cos maiores. Unha interesante iniciativa sumamente enriquecedora para nenos e maiores, segundo recalca Milagros Prieto.

13 de abril de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.