AFAL convida aos escolares do colexio Cruceiro de Canido a porse na pel dunha persoa afectada de alzhéimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

AFAL Ferrolterra levou esta mañá o seu Circuíto do Alzheimer ao colexio Cruceiro de Canido de Ferrol, no que participaron medio centenar de estudantes de sexto curso de Primaria. A presidenta da entidade, Milagros Prieto, explicou que esta actividade se enmarca no labor divulgativo que está a desenvolver AFAL para achegar a enfermidade de alzhéimer á sociedade. Actividade que, nos últimos meses, levoulles ao colexio Mercedarias ou a recibir a visita de alumnas de cursos formativos da asociación O Mencer, por citar algúns exemplos. Esta mañá, as traballadoras de AFAL impartiron unha charla informativa no colexio, acompañada de proxeccións e imaxes e, posteriormente, convidaron os nenos a participar no Circuíto do Alzhéimer de AFAL. A través do mesmo, os estudantes puideron facerse unha idea de como sente a persoa afectada pola enfermidade.

O Circuíto consta de cinco estacións onde se propoñen diferentes probas, como tentar porse unha chaqueta con tres ou catro mangas; escribir sinxelos exercicios nun papel cunha luva de boxeo; encestar unha pelota nunha canastra coas mans atadas ou subir uns pequenos chanzos con zapatos de pallaso. Unha forma de ver as dificultades que os enfermos atopan en actos tan rutineiros do día a día debido á deterioración ou perda de dificultades. E unha efectiva fórmula de concienciación en torno ao Alzhéimer que calou moi positivamente entre os escolares de 6º de Primaria que participaron na actividade. Nesta liña, Milagros Prieto convida os centros educativos de Ferrol e comarca interesados en acoller este circuíto a facerllo saber á entidade, a través do correo dirección@afalferrolterra.com ou do teléfono 981 37 06 92.

28 de abril de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.