Abel Caballero aspira a ser reelixido para continuar a revolución en Vigo
O alcalde de Vigo e candidato do PSOE nas eleccións municipais, Abel Caballero, presentou este luns aos membros da súa candidatura nun acto celebrado fronte ao mercado do Calvario, no que subliñou a súa aspiración a ser reelixido para continuar a “revolución” que vive a cidade, e no que se fixou como obxectivo presidir a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Así, durante o acto (que comezou cun minuto de silencio en repulsa do acto de violencia machista que se saldou cunha viguesa ferida grave por unha coitelada no colo) Abel Caballero defendeu a súa candidatura como a lista “dos mellores”, integrada por homes e mulleres que son “unha calcamonía da cidade”.
O candidato proclamou a súa confianza en revalidar a vitoria e ampliar a súa presenza na corporación porque “a cidade pode ir aínda máis á présa”, e recordou que todos os concelleiros do goberno municipal repiten na candidatura, porque formaron “o mellor goberno que houbo nunca na historia da cidade”.
Así mesmo, afirmou que Vigo é, tras os últimos oito anos de goberno socialista, un “referente do municipalismo” e un “modelo” para o resto de municipios de España.
AUMENTAR O PESO DA CIDADE
A ese respecto, Caballero expresou o seu desexo de seguir gobernando Vigo para aumentar o peso da urbe e a importancia do municipalismo “dende a presidencia da FEMP”. “Queremos ser a cidade que presida aos 8.117 concellos de España”, proclamou.
Abel Caballero aproveitou a súa intervención para repasar os seus principais accións de goberno (humanizacións, benestar social ou emprego, entre outras) e arremeteu contra o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e “a súa candidata”, aos que responsabilizou de pretender frear o aeroporto de Peinador, a estación do AVE, de querer unha área metropolitana “de andar por casa”, ou de “levar” a caixa de aforros viguesa.











