ABANCA e Aemos facilitan o crédito para mellorar a competitividade dos asociados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

ABANCA e a Asociación de Empresarios de Mos (AEMos) veñen de asinar un novo convenio que reforza a súa colaboración e permite facilitar o crédito a comerciantes e pemes desta localidade da área metropolitana de Vigo.

O presidente da Asociación de Empresarios de Mos, José Mañas Gómez, e o director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez Martínez, rubricaron hoxe un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial do sur de Galicia.

O convenio facilita que os emprendedores asociados accedan a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto. O documento asinado tamén pon a disposición dos empresarios a comercialización de produtos específicos da entidade como Crediventa ou compras especiais (a través das tarxetas de crédito) para dinamizar a actividade mercantil.

Asemade Abanca impulsará as iniciativas emprendidas dende a Asociación de Empresarios de Mos, na celebración de xornadas, eventos e encontros do seu tecido produtivo, ao obxecto de favorecer alianzas de negocio.

Os profesionais pertencentes a esta asociación tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento de Terminais no Punto de Venda (TPV) e poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

A entidade tamén porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica. Desta maneira, dende as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través do convenio asinado coa Deputación da Pontevedra, así como outros convenio do ICO, Igape e SGR.

AEMos naceu no ano 1994 e xa agrupa os intereses de preto de 300 asociados da localidade pontevedresa, que exercen a súa actividade en sectores estratéxicos. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para pemes e autónomos.

29 de abril de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.