publicidade hoxe

A XX Feira da Plantación supérarse pese á meteoroloxía adversa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Meteogalicia anunciaba para este domingo chuvascos intermitentes e fortes durante practicamente todo o día. Pero é sabido que a meteoroloxía é unha área da Física un tanto inexacta. E en San Sadurniño puidemos comprobalo co gallo da XX Feira da Plantación. Un evento que venceu as previsións da xente do tempo -que ao final non foron tan malas- e que logrou reunir entre 6.500 e 7.000 visitantes. A cifra non é ningún cálculo a ollo, senón que sae do reconto de cepellóns de planta que o Concello entregou como agasallo. Porén, ademáis dos datos de asistencia, tamén son importantes os datos de vendas. E aí cadaquén fala da feira segundo lle foi nela, como adoita dicirse, e non ofrecen cifras concretas senón un lacónico “foi ben… moi ben… mellor que outros anos” ao tempo que deixan entrever un sorriso na cara.

Con vinte edicións ás costas sobra dicir que a Feira da Plantación está consolidada. Pero co que non contaba o Concello é que tras tanto tempo aínda non tocara teito en canto á afluencia do público. Se ben en 2014 se contaran arredor de 5.000 visitantes, nesta ocasión a cifra de seguro que pasou dos 6.500 e mesmo non sería aventurado dicir que se situou nos 7.000. 

A feira arrancou moi cedo. A iso das 9 da mañá xa había madrugadores e madrugadoras que ollaban os postos aínda a medio montar na busca dos mellores mañuzos de cebolo, pemento e tomateiras para plantar. Os paraugas sempre á man. Os trebóns anunciados por Meteogalicia ían e viñan e ameazaban con desbaratar o mercado xa antes do seu comezo. 

Pero non, o tempo portouse e só houbo dous chuvascos máis ou menos intensos nos que a xente case nin reparou mentres parolaba debaixo da carpa. Este ano concentráronse alí todos os viveiros de flor, planta e árbores. E tiñan moito e moi variado. “O que ves aquí é o traballo dunha semana preparando planta. Traemos un pouco como escaparate”, aseguraban desde o viveiro local A Casa da planta, de Lamas. 

Fronte a eles e ocupando a maior parte da carpa o viveiro Florgalicia-Herbas de Caaveiro, tamén de Lamas, que achegou planta de interior e de exterior e, ademais, os que están sendo os seus produtos estrela: as herbas e plantas aromáticas. “Agora que a cociña se puxo de moda, moita xente quere ter na casa todo tipo de plantas para condimentar ou decorar os pratos. Ademais tamén hai xente que busca plantas ou variedades determinadas para facer infusións ou para tratar doenzas”, aseguraba o propietario do viveiro.

Canda estas empresas locais, outras da volta que tamén se achegaron a San Sadurniño e algunha delas por primeira vez. Durante a mañá non pararon e pola tarde, xa con máis tranquilidade, facían balance da xornada indicando que fora “moi ben” a pesar de que, segundo algún veterano, “este ano tamén eramos máis a vender”. O viveiro O Pomariño, da Capela, é un dos fixos da feira e dos mercados locais. O del son as árbores froiteiras autóctonas. Xa non é tempo de andar trasplantándoas -ese labor cómpre facelo a finais do outono e inicio do inverno- e aínda así conseguiron vender case todo o que trouxeran.

Fóra da carpa distribuíanse os produtos propios de calquera mercado: churros, comercio xusto, pan e empanadas, queixos, viño, cervexa artesá e, xobre todo, produtos de horta tanto para consumo como para replantar. Nestes últimos postos tamén mostraban a súa satisfacción pola saída que tivo a mercadoría, máis que nada a materia prima dos morteiros. 

Actividades paralelas

Ademais do protagonismo indiscutible dos postos de horta e viveiros, na feira tamén puidemos ver de novo á rapazada do CPI de San Sadurniño cun expositor no que vendían plantas, mel e manualidades co obxectivo de autofinanciar a súa próxima obra musical dentro do proxecto LOVA. Tiñan o seu sitio ao pé do patio cuberto do colexio, xusto ao carón da unidade móbil da Radio Galega. A emisora autonómica emitiu desde San Sadurniño o espazo “Come e fala”, xa dispoñible en internet.

Para os nenos e nenas o Concello organizou durante a tarde un obradoiro de decoración de macetas nas que despois debían plantar flores. Nel participaron máis dunha trintena de cativos. E é que, a diferenza doutras edicións, na feira deste ano a tarde tamén tivo público abundante. Non tanto como ata o mediodía, pero si houbo un ir e vir constante de xente na procura de ver a feira sen aglomeracións aproveitando a boa tarde que quedou. 

Na xornada os departamentos de Cultura, Participación veciñal, Turismo e Medio Ambiente organizaron dous sorteos con lotes de produtos cedidos polos expositores, a quen lles agradeceron o seu compromiso coa feira. Unha feira nacida hai dúas décadas da man da Asociación Bidueiro e que este ano bateu as súas propias marcas contra todo prognóstico…meteorolóxico.

27 de abril de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.