A Xunta salienta a colaboración cos concellos da ría de Pontevedra para mellorar o saneamento dos Praceres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta salienta os avances na colaboración cos concellos da ría de Pontevedra para mellorar o sistema de saneamento dos Praceres. Así o manifestou hoxe o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde concretou que o Goberno galego está a colaborar cos citados municipios para realizar un estudo detallado da rede e propor as solucións máis eficaces ás carencias que presenta.

Gonzalo Mosqueira sinalou que o Goberno galego conseguiu incluír estas actuacións no programa operativo FEDER 2014/20, polo que existe o investimento necesario e só se precisa a colaboración das administracións locais.

Por outra banda, o director de Augas de Galicia tamén sinalou que a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas autorizou a reparación do tramo final do emisario da depuradora de augas residuais dos Praceres, que tivo lugar entre os días 9 e 12 de febreiro de 2015. Nesta autorización tívose en conta condicionantes meteorolóxicos e climatolóxicos, as condicións da zona da ría na que está situado o emisario e que esta infraestrutura é importante no proceso de depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa.

Os traballos consistiron na incorporación dun novo tramo final de 39 metros de lonxitude cos correspondentes difusores e lastres. Este treito do emisario estaba danado e era inservible, polo que non era posible a súa recuperación.

Sen afección á actividade marisqueira

Gonzalo Mosqueira precisou que as conclusións dos informes do Intecmar foron que o estado microbiolóxico da zona non foi afectado polo vertido, xa que as analíticas posteriores á reparación do emisario deron resultados similares aos acadados nos días anteriores, polo que a actuación non causou unha afección significativa sobre a actividade marisqueira.

O director de Augas de Galicia lembrou que para executar estas actuacións é necesario tramitar unha autorización de vertidos, coa que se impón unhas condicións á execución das obras, co fin de que estas ocasionasen o menor dano posible ao medio receptor. Así, na autorización emitida contemplábase a premisa de evitar que existira xente mariscando na zona.

Gonzalo Mosqueira explicou que para responder a posibles vertidos ocasionais durante a elaboración de tarefas de reparación, hai establecido un protocolo de colaboración entre os distintos departamentos competentes. Durante o desenvolvemento dese protocolo, os técnicos fixan as condicións nas que se deben levar a cabo estas actuacións de reparación, atendendo ás peculiaridades do medio receptor e á singularidade de cada unha das obras.

Neste sentido, a Consellería do Mar informou favorablemente a esta reparación, atendendo a todas as condicións nas que se producía e á importancia que tiña o arranxo do emisario, tendo en conta que se trataba dunha zona de marisqueo clasificada como C, e que non había peticións de extraccións para esa zona.

O director de Augas de Galicia concretou que como parte deste protocolo, realizouse un seguimento intensivo dos labores de reparación e a súa afección ao medio. Neste caso, segundo a localización dos posibles puntos de vertido, estimouse necesario facer un seguimento de zonas de produción como Banco de Praceres, Punta de Praceres, Banco Lourido, Banco Campelo e Lonxa de Campelo. Nestes puntos analizouse mexillón e ameixa, antes e despois do vertido, das mostras procedentes dos bancos naturais.

23 de abril de 2015 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.