A Xunta remata a mellora de seguridade vial na estrada Vigo-Tui (PO-552) coa senda peonil entre Priegue e Nigrán
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) vén de rematar as obras dunha senda peonil que transcurrre ao longo da estrada Vigo-Tui (PO-552) á altura da parroquia de Priegue, no Concello pontevedrés de Nigrán. Con esta actuación os veciños da zona poden camiñar desde a mencionada parroquia ata a entrada de Nigrán, empregando un itinerario máis seguro, completamente, habilitado ao efecto.
As obras contaron cun investimento de máis de 140.000 euros e permitiron crear un itinerario peonil de 710 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 8+160, no que finalizan as beirarrúas existentes nas Rexas, e 8+870, no que se inician as beirarrúas de Nigrán.
Deste xeito, interconéctanse os distintos núcleos de edificacións que se localizan ao longo do treito, mellorando a seguridade viaria dos viandantes, que, anteriormente, debían circular pola estreita beiravía coa que contaba a estrada, que rexistra intensidades de tráfico elevadas neste punto, no entorno dos 15.000 vehículos/día.
Obras concretas
A senda peonil construíuse en paralelo á estrada, ao mesmo nivel da rasante desta para garantir a drenaxe axeitada, e cun ancho mínimo de 1,5 metros. Executáronse en formigón coloreado, de xeito que resulta facilmente perceptible para os usuarios.
A obra complementouse coa execución dunha gabia de seguridade para a recollida e evacuación das augas superficiais da plataforma ata os puntos de desaugue. Ademais, colocáronse os sistemas de contención precisos para separar o tráfico rodado do peonil, reducindo así a posibilidade de atropelo por saída de vía.
A actuación desenvolveuse dentro da zona de dominio público da estrada, polo que non requiriu de expropiacións, compatibilizando así a mellora do tránsito cunha mínima afección para os veciños.
Esta obra beneficia aos preto de 18.000 habitantes do Concello de Nigrán, que viron mellorada a súa seguridade viaria. O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante este tipo de actuacións, pretende proporcionar aos cidadáns unha rede viaria mais segura e cómoda, que mellore a accesibilidade do conxunto de usuarios.











