A Xunta ratifica o compromiso cos 2.000 traballadores con discapacidade dos centros especiais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ratificou hoxe o seu compromiso coas 2.000 persoas con diversidade funcional que traballan nos 114 centros especiais de emprego de Galicia, lembrando que a Xunta subvenciona o contrato laboral de todos eles, xa que apuntou que “estes centros son un impulso e ponte cara á empresa ordinaria das persoas con discapacidade”.

Mato destacou hoxe na Coruña que o acceso a un posto de traballo das persoas con discapacidade e a súa permanencia no mesmo é “a mellor vía de inserción social” no ‘Encontro empresarial para a integración laboral’, organizado pola Asociación Empresarial Galega de Centros de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) e a Cámara de Comercio da Coruña. Cegasal aglutina na actualidade 19 centros especiais de emprego que se converteron “nun referente da inclusión a través do emprego”, segundo Mato, quen tamén lembrou que este colectivo xa forma parte da Confederación de Empresarios da Coruña “en completa igualdade co resto de empresas”.

Neste foro, a titular de Traballo resaltou que tanto os centros especiais de emprego de Cegasal como os restantes de Galicia contribúen cada día “á construción dunha sociedade máis dura, xusta e igualitaria” recordando que os beneficios que xera a súa actividade produtiva reverten nos propios centros ou noutras actuacións en favor da inclusión. “A cooperación con estes centros, o establecemento de novas liñas de colaboración e a aposta polos traballadores con discapacidade son o camiño a seguir”, destacou a conselleira.

Por iso, a titular de Traballo sinalou que o compromiso da Xunta coas persoas con discapacidade é “total e absoluto” e, deste xeito, a Consellería de Traballo e Benestar incrementou por segundo ano consecutivo o orzamento para a discapacidade, alcanzando en global a cifra de 100 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta aumentou tamén nun 2 por cento o investimento en programas de emprego para a discapacidade, que se achegou a 18 millóns de euros, dos que, aproximadamente, a metade está destinado aos centros especiais de emprego. O apoio da Xunta con Cegasal desde 2009 supera os 16,5 millóns de euros. En definitiva, Mato agradeceu o apoio das empresas aos traballadores e traballadoras con discapacidade e apelou ao seu responsabilidade social para que aposten cada vez máis por contratar a este colectivo co propósito de que poidan demostrar as súas capacidades.

23 de abril de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.