A Xunta prepara un Plan para galeguizar tendas, despachos de avogados, hoteis, xestorías e corporacións empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Tras a recente publicación dos datos do Instituto Galego de Estatística, que reflicten un acusado descenso do número de falantes de galego, e que tres de cada catro menores de catorce anos ten na actualidade o español como lingua materna, lonxe de interpretar estes datos como un fracaso das políticas de imposición, certos sectores reclaman que esta se agudice, sobre todo no ámbito educativo. Probablemente para afastar a súa atención da educación, dado o rexeitamento que iso podería xerar, o goberno galego está a elaborar un plan centrado na área socioeconómica, na crenza de que incrementando a presenza do galego nese ámbito, producirase un efecto multiplicador no resto da poboación. O Plan atópase neste momento na fase de consultas cos axentes sociais. Preocupados, sobre todo porque se anunciou como un plan baseado no PXNLG, que é un lamentable proxecto de enxeñaría social, Galicia Bilingüe, como entidade dedicada á defensa dos dereitos lingüísticos, solicitou participar no proceso. A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fíxolle chegar o texto inicial para que a asociación en prol da liberdade de elección de lingua poida achegar o seu punto de vista. GB elaborou un formulario coas medidas e obxectivos do Plan que está a ser remitido aos seus 5000 socios e simpatizantes para que poidan opinar pero, de entrada, a asociación xa apreciou os seguinte aspectos, como mínimo, discutibles:

As 61 medidas previstas e os obxectivos estratéxicos que sinala o plan, están basicamente encamiñados a:

– Crear unha ficción de uso do galego a través de incentivar, mesmo pagar, a súa presenza en cartelaría, campañas publicitarias, páxinas web, imaxe corporativa, orzamentos, follas de pedido, albaráns, nóminas e outros.

– Exercer unha coerción indirecta nas empresas ás que se cualifica como empresas boas e responsables se están “galeguizadas”. Proponse a concesión de premios e mesmo a promoción dos seus produtos por parte da Xunta.

– Contentar a sectores e entidades que obteñen beneficios da “normalización” ao crear a necesidade de pór en marcha cursos de galego para os empregados, asesoramento lingüístico, creación de recursos lingüísticos, etc.

Galicia Bilingüe valora o documento elaborado pola Xunta á luz dos principios que sempre defendeu; entre eles o deber que teñen uns poderes públicos democráticos de procurar o maior grao de liberdade de elección posible cando se trate de opcións compatibles no seu exercicio individual. Posibilitar que os cidadáns non se vexan disuadidos de usar a lingua oficial que prefiran é, sen dúbida, un factor que anima aos falantes dunha lingua a manter a súa transmisión interxeracional. Isto non implica que os poderes públicos poidan, usando o seu poder de coerción, directo ou indirecto, restrinxir a liberdade de opción dos particulares, empresas incluídas, salvo que estas actúen baixo concesión administrativa. Ademais de ter en conta as suxestións dos seus socios e simpatizantes, hai varios aspectos do Plan sobre os que Galicia Bilingüe mostra receos. Entre eles, a institución do “Día da galeguidade empresarial” ou a entrega de premios e promoción de produtos a empresas que só usen o galego. GB defende a liberdade de opción lingüística para as empresas pero podería entender que se premiase a unha empresa pola súa galeguidade cando usa os dous idiomas de Galicia, como é a tónica cada vez máis habitual entre as grandes áreas comerciais. En todo caso, o carácter do premio debe ser preferentemente simbólico e nunca debe chegar a perturbar de maneira apreciable a libre competencia entre empresas cando fagan uso da súa liberdade de opción lingüística. Por outra banda, GB será belixerante respecto da medida que prevé a valoración do coñecemento do galego nos procesos de selección de persoal das empresas, pois parécelle algo inaceptable.

29 de abril de 2015 | 18:34 • 1 comentario

Só temos 1 comentario, anímate a opinar

» Comentarios RSS Feed
  1. Para vomitar, o plan, pero en que está pensando o PP? Isto xa parece Cataluña