A Xunta participa na reunión da comisión mixta hispano-portuguesa para a cooperación transfronteiriza
A Xunta de Galicia participou hoxe na reunión da Comisión Mixta Hispano-Portuguesa para a Cooperación Transfronteiriza, que tivo coma obxectivo principal organizar a vindeira reunión do Cumio Ibérico, que reunirá a varios ministerios de ambos países, presididos polos seus respectivos xefes de goberno, e que terá lugar, previsiblemente, no vindeiro mes de xuño.
Os representantes do goberno galego presentaron as principais demandas e prioridades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal perante o Cumio Ibérico, entre as que destacan a elaboración da primeira Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) transfronteiriza da Unión Europea, e as que se refiren á mobilidade transfronteiriza, ao apoio aos sectores produtivos da Eurorrexión e á mellora do concepto de veciñanza, en beneficio dos habitantes da fronteira.
Así, a Xunta presentou as súas propostas para acadar unha maior colaboración con Portugal en materia de prevención e extinción de incendios forestais. Ademais, no eido medioambiental, a Xunta de Galicia e a Administración portuguesa reuníronse recentemente na sede da AECT, e conviñeron en promocionar os entornos da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêrés-Xurés e do estuario do Miño como dúas áreas protexidas que deben servir para vertebrar o territorio. Asemesmo, trasladou a súa intención de asinar un protocolo de colaboración con Portugal para acadar a interoperabilidade dos Rexistros Municipais
A Xunta tamén abordou en Cáceres a súa demanda aos gobernos de España e Portugal para que se defina o trazado definitivo da liña de conexión Fontefría-Beariz, co menor impacto social posible para o proxecto da segunda interconexión eléctrica a 400KV con Portugal desde Galicia, así como a petición de analizar a posibilidade de planificar o gasoduto de conexión de Galicia coa Meseta por Zamora, ou mesmo de mellorar a conexión con Portugal a través de Tui.
Comisión Hispano-Portuguesa para a Cooperación Transfronteiriza
A Comisión Hispano-Portuguesa para a Cooperación Transfronteiriza é un órgano intergubernamental para o seguimento da cooperación entre os dous países. Está presidida polos Ministerios de Asuntos Exteriores de España e de Portugal e forman parte delas os ministerios de ámbolos dous estados, as embaixadas española e portuguesa e as Comunidades Autónomas e rexións portuguesas da fronteira. En 2013 reuniuse en Galicia e en 2014 en Viana do Castelo.











