A Xunta defende a dimensión rexional da cooperación da UE cos países veciños do leste

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá en Elblag, Polonia, nun seminario externo da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións sobre a dimensión rexional da cooperación da UE cos países veciños do leste. Gamallo acudiu ao encontro en calidade de portavoz desta comisión durante o novo mandato do CdR, posto no que foi reelixido o pasado mes de febreiro en Bruxelas.

A axenda do encontro polaco estivo centrada no papel das entidades locais e rexionais na relación da UE con Rusia e no futuro da Asociación Oriental. No seminario participaron tanto os representantes das entidades locais e rexionais do Comité das Rexións como algúns membros da Conferencia de Autoridades Locais e Rexionais para a Asociación Oriental (Corleap polas súas siglas en inglés), o foro político no que participan autoridades locais e rexionais da Unión Europea e da Asociación Oriental.

Unha boa cooperación da UE cos países da chamada Asociación Oriental é fundamental para garantir a estabilidade e a seguridade enerxética na zona. Esta asociación, creada en 2009, comprende a Armenia, Acerbaixán, Bielorrusia, Xeorxia, Moldavia e Ucraína e supuxo un gran avance nas relacións da UE cos veciños orientais.

Os acordos aos que da pé esta asociación supoñen para estes países unha maior integración na economía da UE, facilidades de desprazamento para os seus cidadáns, un incremento da seguridade enerxética para todas as partes afectadas e unha mellora da axuda financeira.

A política de veciñanza é fundamental para garantir a paz e a estabilidade na rexión. 2014 foi un ano de grandes desafíos neste sentido, con conflitos en Ucraína, Oriente Medio e o Norte de África, o que puxo en risco os dereitos humanos e incrementou a migración cara a UE. Ante esta situación, os 28 estados membros apostan por unha política de veciñanza máis eficaz que garanta a paz, a estabilidade e o desenvolvemento económico destas rexións.

Acordo coa rexión de Malopolska

A Xunta de Galicia traballa nas posibilidades de cooperación coa rexión de Malopolska, parte da antiga Galitzia polaca. Despois de meses de contactos, queda patente a vontade das autoridades desta rexión de Polonia por establecer un marco de cooperación con Galicia en eidos como o turismo, a I+D+i e as enerxías renovables.

Este interese fundaméntase na existencia de fenómenos socioeconómicos parellos en ambas rexións, como a presenza de rutas de peregrinación relixiosa ou o peso relativo do turismo cultural en ambas, dado que tanto Galicia como Malopolska contan con varios lugares históricos rexistrados na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

Nesta liña, Jesús Gamallo aproveitou este encontro na cidade polaca de Elblag para avanzar neste acordo de cooperación entre a rexión de Malopolska e Galicia.

A comisión CIVEX do Comité das Rexións

O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión CIVEX encárgase de temas como o espazo de liberdade e xustiza, cidadanía activa, asuntos constitucionais ou a política de inmigración e relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido como portavoz na comisión CIVEX para este novo mandato do CdR , que rematará en 2020.

10 de abril de 2015 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.