A Xunta colabora con ‘Farmamundi’ para combater a malnutrición infantil en Kenya
A Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, participa nunha intervención de emerxencia para combater a malnutrición aguda materno infantil entre a poboación desprazada no campo de Kakuma, en Kenya.
En concreto, con esta intervención proverase de clínicas médicas móbiles para a asistencia en saúde e servizos de hixiene de ao redor de 2.000 persoas. Nas clínicas farase especial énfase na inmunización e vacinación dos nenos e nenas menores de cinco anos e mulleres e lactantes. O custo da intervención ascende a 9.000 euros.
A situación vén motivada polos duradeiros conflitos de Somalia e Sudán do Sur, que teñen ocasionado un constante desprazamento de persoas cara os países veciños. Kenya é un dos países do mundo que máis persoas refuxiadas acolle posto que no seu territorio funcionan varios campos xestionados por ACNUR.
A situación nos campos de refuxiados está lonxe de ser a adecuada e cada vez hai máis persoas que prefiren abandonalos e instalarse en asentamentos urbanos ilegais nas principais cidades do país. O número de persoas refuxiadas urbanas en Nairobi tense incrementado de 27.000 no 2001 a uns 90.000 actualmente.
No chamamento internacional -Global Appeal, nas súas siglas en inglés- de ACNUR para este 2015 insta á prestación de apoio e asistencia para promover o acceso a terreos adecuados e a promoción dos servizos básicos de saúde, educación a estas persoas.
Por iso, unha vez máis a Xunta vén de activar a súa colaboración coa ONGD Farmamundi, que conta coa colaboración da Foundation for Health and Social Economic Development África, HESED- África, o seu habitual socio local no terreo. A súa vez, HESED- África coordinará o seu traballo co Ministerio de Saúde kenyano e co Refugee Consortium of Kenya, institución responsable da provisión de axuda integral á poboación refuxiada urbana.
Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. Ao longo destes anos se teñen activado operativos de resposta ante diferentes emerxencias, como o terremoto en Haití, os tifóns Ketsana e Hayan en Filipinas, o conflito na República Democrático do Congo ou en Siria ou as crises alimentarias no Sahel e no Corno de África.











