A Xunta analizará a viabilidade técnica dunha parcela en Paderne de Allariz proposta para escola infantil
Técnicos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar analizarán a viabilidade técnica dunha parcela ubicada en Paderne de Allariz que a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense quere destinar á construción dunha escola infantil.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo unha xuntanza cos alcaldes de Baños de Molgas, Eladio Mangana, Paderne de Allariz, José Manuel Fernández, e Esgos, Mario Rodríguez, na que os rexidores lle presentaron a proposta da Mancomunidade de destinar a parcela a unha escola infantil de 41 prazas de 0-3 anos dividida en 3 unidades. Os técnicos estudarán agora se o terreo conta coas características técnicas necesarias para albergar este proxecto. Para iso, desprazaranse a próxima semana á parcela.
O terreo conta con máis de 2.000 metros cadrados de superficie e se empraza na Torre, na estrada situada na estrada do centro médico.
Deste xeito, Mato comprometeuse a estudar a proposta dos alcaldes, lembrando que un dos principais obxectivos do Goberno galego é apostar pola conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que a Xunta lidera por primeira vez na Comunidade. A posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia, tal e como destacou a titular de Benestar.