A VIII Semana dos Maiores en Ourense contará con taichi, cachibol, corais, teatro e unha visita turística á Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Semana dos Maiores celebrarase en Ourense por oitavo ano consecutivo, acadando a súa VIII edición. Así o confirmou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Marga Martín, acompañada da coordinadora do programa, María José Valeiras. Nesta edición, que se celebrará entre o 11 e o 15 de maio, manteranse as principais actividades, que tan boa acollida teñen todos os anos entre os nosos maiores. Haberá tai chi, cachibol, corais, teatro, unha comida e como colofón final a clásica visita turístico cultural, que este ano será á costa da Morte-Fisterra, con 300 prazas.

Invitacións e reservas

Todas as actividades serán gratuítas e sen necesidade de reserva, a excepción das obras de teatro e a visita turística -requiren invitación-, e a comida -require reserva previa-.

O reparto de invitacións para o teatro e os billetes para a visita turística comezarán o 6 de maio, en horario de 9 a 13 horas, nas oficinas de Benestar Social na rúa Bispo Carrascosa, 8. As invitacións para o teatro serán de catro por persoa como máximo, e a visita turística dúas.

No que respecta á comida no Restaurante A Carballeira de Santa Cruz, prevista para o xoves 14 de maio, as persoas que desexen asistir deberán facer a súa reserva con anterioridade nas oficinas de Benestar Social, aboando o menú (13 euros) no restaurante o día da comida.

30 de abril de 2015 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.