publicidade hoxe

A VII Carreira Popular Concello de Monforte celébrase o 26 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A VII Carreira Popular Concello de Monforte celebrarase o domingo día 26 de abril, coa participación de corredores/as de categorías menores e absoluta. Tralo éxito acadado nas seis primeiras edicións e no seu afán por promover o deporte popular, o concello de Monforte organiza a sétima edición desta proba atlética, un destino obrigado no que a carreiras populares se refire.

Trátase dunha clara aposta por parte do concello de Monforte polos eventos deportivos de carácter popular, onde todo aquel que o desexe poderá participar sen necesidade de estar federado

Entre os obxectivos que se marca a delegación de Deportes coa celebración desta carreira popular podemos citar tres: promover a afección ó atletismo, lograr a participación do maior número posible de atletas de nivel, e contribuír á potenciación do deporte de base cunha masiva participación dos colexios na actividade.

A proba dividirase en dúas categorías básicas: menores, con saída ás 11:00 h., e adultos, con saída ás 12:00 h.

O circuíto das probas para as categorías menores localizarase na zona da Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure.

O percorrido para a categoría de adultos ten unha lonxitude aproximada de 7.000 m. e consiste en dar 2 voltas a un circuíto urbano que comeza na Compañía e continúa por Paseo de Lugo – rúa Carude – estrada de Sober ata a Escola Taller, onde se fai un xiro de 180 º e se volve pola estrada de Sober dirección San Lázaro – Rúa San Lázaro – Rúa Reboredo – Rúa Dalmiro de la Válgoma – Rúa Escultor Francisco Moure e novamente liña de saída, así ata completar dúas voltas ó percorrido e rematar na liña de meta ubicada na Praza da Compañía.

Na proba absoluta será obrigatoria a utilización do chip de cronometraxe subministrado pola organización excepto para os propietarios de chip amarelo que poderán utilizar o seu.

As inscricións poderán facerse de tres maneiras:

– Presenciais (para as dúas categorías): a partir do martes día 14 de abril na Oficina de Deportes do Concello de Monforte, sendo a derradeira data para poder facelo o xoves día 23 de abril ás 19:00 h.

– On-line: a través da páxina web www.championchipnorte.com (só adultos)

– Correo electrónico: lodeco@lodeco.es e deportes@concellodemonforte.com (só categorías menores)

Non se aceptarán inscricións por teléfono ou fax.

A Carreira conta coa colaboración de Gadis, Coca Cola e Xoiería Camilo, e o patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e do GDR Ribeira Sacra.

A Policía Local efectuará cortes parciais e temporais das rúas segundo as necesidades da carreira e o descorrer da mesma, intentando que a proba atlética interfira na menor medida posible sobre a circulación do tráfico rodado na cidade e garantindo, en todo momento, a seguridade dos atletas participantes.

A edición do ano 2014 rexistrou unha participación superior ós 1.000 corredores/as entre as categorías menores e absoluta, continuando a incrementar o número de atletas edición tras edición.

Dende o Concello invítase á cidadanía a presenzar esta importante proba e a animar a tódolos atletas que tomen parte nela.

13 de abril de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.