A UCGAL anima á veciñanza de Carballo a expor as súas súbidas en materia de consumo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración co Concello de Carballo, pon en marcha un proxecto dirixido a coñecer a demanda real de servizos de información e asesoramento en materia de consumo nos veciños e veciñas do municipio. Malia que a poboación de Carballo supera os 31.000 habitantes, actualmente o Concello non conta cunha oficina de información ás persoas consumidoras, o que motiva que os propios usuarios e usuarias teñan que desprazarse a concellos limítrofes ou ás sedes do Instituto Galego de Consumo en Santiago ou A Coruña. Con este proxecto, cuxa finalidade é eninentemente estatística, a Unión de Consumidores de Galicia ofrecerá periodicamente ás autoridades municipais cumprida información sobre as materias que levan á veciñanza a se informar nas dependencias municipais en temas relacionados con consumo. Para a correcta avaliación das necesidades de información e asesoramento neste eido, persoal da UCGAL atenderá as demandas das persoas interesadas os luns e os xoves en horario de 10.00 a 13.30 horas nas dependencias do Rexistro do Concello (na planta baixa). Está previsto que o proxecto se desenvolva entre os meses de abril e setembro. A Unión de Consumidores de Galicia é unha asociación privada que xurdíu a finais de 1988 co propósito de recoller e servir de canle das reivindicacións do conxunto dos/as consumidores/as e usuarios/as galegos/as na loita por unha progresiva mellora na calidade de vida dos/as cidadáns. A UCGAL desenvolve o seu labor en eidos como sanidade, comercio, servizos, educación, medio ambiente, etc.

9 de abril de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.