A titiricleta de Anxel Moure fai escala en Vilagarcía este domingo para animar a tarde dos fexteiros
A programación dos Fexteiros regresa o domingo pola tarde a Fexdega, nesta ocasión a volta de pedal e sobre as rodas da Titiricleta, a orixinal bicicleta na que Ánxel Moure leva os seus espectáculos con monicreques. A actividade programada pola Concellería de Xuventude comezará ás seis da tarde e, se o tempo o permite, cambiarase o interior de Fexdega pola zona ao aire libre para a súa celebración.
A Titiricleta forma parte do proxecto de Contos Solidarios que promove o contacontos galego Anxel Moure con obxectivos cultural, medioambiental e de solidariedade. A Titiricleta é un escenario de títeres montado sobre un triciclo alemán, que se utilizan monicreques tecidos por mulleres de cooperativas de comercio xusto de Bangladesh para realizar os espectáculos.
Ánxel Moure sérvese deste orixinal escenario móbil para divertir aos cativos con contos e historias que promoven unha educación baseada na sensibilización e a loita pacífica para construír un mundo mellor, en harmonía co ecosistema e garante da xustiza social.
Con esta nova actividade dos Fexteiros, a Concellería de Xuventude ofrece unha alternativa de ocio para nenos e nenas na que a parte lúdica e festiva conte tamén cunha dimensión solidaria e de educación en valores.
A entrada é libre e de balde.











