A taxa por terrazas que pagan os hostaleiros de Lugo é unha das máis baratas en Galicia
A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, explicou hoxe, en relación coa información sobre as terrazas de hostalería difundida pola asociación Lugo Monumental, que as taxas por ocupación do solo público coa instalación de terrazas son máis baratas en Lugo que noutras cidades galegas. É falso que as taxas de Lugo sexan as máis caras de Galicia como asegura a devandita asociación, como demostra o feito de que as de Pontevedra, por exemplo, son máis elevadas que as da nosa cidade.
Os datos facilitados por Lugo Monumental son erróneos e carentes de rigor xa que, alomenos nalgúns casos, comparan datos que non son homoxéneos como pode ser tomar como referencia nun caso o prezo por metro cadrado e noutra cidade o prezo por mesa ou ignorar que os prezos varían en función de se a terraza se instala nun lugar céntrico ou nun barrio.
Como explicou Sonia Ménez, a información difundida por esta asociación é falsa porque comete o erro de comparar elementos que non son comparables. Por exemplo, parte dun erro fundamentel como é o de tomar como referencia para a comparación o prezo por ocupación dun metro cadrado de solo na cidade de Lugo e o prezo por mesa no caso de Pontevedra o que lle leva a dicir que a taxa nesa cidade é inferior ó real.
Tamén no caso de Ferrol se confunde a asociación xa que mentres en Lugo elixe para a comparación a taxa por ocupación de solo no centro da cidade no caso de Ferrol non escolle a taxa que paga unha terraza instalada no centron senón o importe de lugares que son máis baratos por tratarse de rúas situadas en barrios.
Méndez explicou que, no caso da cidade de Lugo, o dato que se difundiu non corresponde coa taxa que pagan todas as terrazas nin tampouco é o importe medio. Hai que ter en conta que as taxas varían segundo a zona da cidade e lóxicamente, unha terraza instalada no Centro da cidade paga unha taxa maior da que teñen que aboar os hostaleiros que teñen os seus negocios nos barrios.
A Concelleira de Economía lembrou que, precisamente, os hostaleiros do Casco histórico de Lugo foron os que se beneficiaron nos últimos anos das subvencións para terrazas concedidas polo Concello. Concretamente concedéronse un total de 42 axudas por importe de 172.379,32 euros a través do Plan Urban, que ofreceu e pagou axudas ós hostaleiros para mobiliario de terrazas dende o ano 2009.
Por outra parte, a Concelleira de Economía manifestou que a rendibilidade das terrazas queda demostrada polo feito de que cada ano se instalan máis nas rúas de Lugo. Así, no 2013 autorizáronse un total de 111 terrazas e no ano 2014 o número aumentou a 180 terrazas
Ademais, Sonia Méndez, destacou que o Goberno local de Lugo aposta por manter os prezos máis baratos nos servizos esenciais como son o autobús e a auga, que son dos máis baratos non só de Galicia senón tamén de España.
Asimesmo, a Concelleira de Economia manifestou que evidentemente as actividades lucrativas teñen que aportar ó erario público pero, aínda así, lembrou que o Concello de Lugo mantén conxelados dende ahí anos os impostos e taxas municipais.











