A Sociedade Ximnástica afronta tres meses craves da tempada
Xa falta un mes para o 9 de maio, cando o equipo masculino da Ximnástica comece a súa andaina, por novena tempada consecutiva, na División de Honra 2015. Unha competición que se desenvolverá durante os meses de maio e xuño e na que a veterana Sociedade porá toda a carne no asador.
Pero xunto coa División de Honra, a Ximnástica vivirá tres meses intensos de competicións, que irán preparando aos seus atletas de cara aos Campionatos de España individuais que comezarán o último fin de semana de xuño, cos nacionais das categorías Promesa e Xuvenil e culminarán o 1 de agosto co nacional absoluto.
Unha rápida ollada daranos a primeira cita importante nas próximas semanas, o 25 de abril en Ferrol, o Campionato de Galicia de Clubs en pista; o ano pasado os mozos foron terceiros e as mozas quintas, haberá que melloralo. Pero a semana anterior será o autonómico de probas combinadas de Clubs e o galego de Maratón.
En maio, o día 16, celebrarase o autonómico de Clubs das categorías cadete e júnior, o curso pasado a Ximnástica non acudiu a esta cita, pero agora estase traballando para poder competir.
O 30 de maio comezarán os Campionatos de Galicia individuais coa categoría Cadete, e o 7 de xuño será a quenda para as categorías xuvenil, júnior e Promesa.
Ademais as Escolas Municipais de Atletismo da Ximnástica participarán nas últimas competicións do XOGADE, que organiza a Secretaría Xeral para O Deporte e nos Campionatos de Galicia das súas categorías.
Pero todos estes campionatos veranse salpicados por numerosos controis e Trofeos atléticos, que servirán para que os ximnásticos vaian collendo a forma e facendo as marcas de clasificación para os Campionatos individuais.











