A Selección Galega Cadete Feminina será homenaxeada no Partido do Federado ante o Dominion Bilbao Basket
O Rio Natura Monbus Obradoiro enfróntase este fin de semana ao Dominion Bilbao Basket (domingo, 18.00 horas), Partido do Federado no que se homenaxeará á Selección Galega Feminina de categoría cadete, quinta clasificada no Campionato de España.
A homenaxe en pista ás compoñentes do combinado cadete e ao seu adestrador José Jesús Vázquez, farase extensivo tamén por parte da Federación Galega de Baloncesto ao Hospital Policlínico A Rosaleda, servizo médico oficial obradoirista e principal patrocinador nos Campionatos de España disputados recentemente polos conxuntos autonómicos, e no que as cadetes foron o mellor equipo galego.
Ademais, ao tratarse do partido do Federado, este colectivo terá un prezo especial nas entradas, así como os seus familiares directos: 9 euros en Tribunas 2 e Fondos ou a 15 euros en Tribunas 1.
Nesta cita, a única en Sar durante o mes de abril, tamén haberá Prezos Reducidos para abonados, menores de 18, estudantes menores de 25, parados de longa duración e maiores de 65. Estes colectivos teñen pases a 19 euros en Tribunas 2 e Fondos ou 25 euros en Tribunas 1.
Os demais prezos sen descontos son de 25 euros en Tribunas 2 e Fondos, 29 euros en Tribunas 1 e 35 euros en Tribunas Retráctiles.
As entradas pódense adquirir desde xa con estes prezos tanto mediante a páxina web do club (www.obradoirocab.com), como en oficinas de luns a venres ou no despacho de billetes o día do partido. Nas portas de acceso o día do partido, poderase solicitar a documentación acreditativa en caso de ser entradas con descontos.











