publicidade hoxe

A Sala de Exposicións Municipal de Brión acolle a mostra ‘Vagamundos’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Máis de medio cento de persoas acudiron o pasado venres á inauguración da mostra Vagamundos, que xa se pode visitar na sala de Exposicións Municipal de Brión. O acto estivo presidido polo alcalde en funcións, José Pedro Cambón Fernández, quen desculpou a ausencia do rexedor, José Luis García.

Na súa intervención, Cambón salientou a excelente “mestura da perspectiva e da luz” que se pode ver nas diferentes imaxes que compoñen esta nova mostra dos fotógrafos freelance Pablo Charlón e Manuel Pumarega, cuxa profesión é a de optometristas. “Precisamente polo seu oficio son capaces de ofrecer unha perspectiva diferente nas súas fotografías”, indicou Cambón.

Pola súa banda, Xabier Ron, convidou a todos os asistentes a que “respiredes estas imaxes, que as vivades”, ao tempo que descubren a experiencia de “vagamundear”. Ron felicitou a ambos fotógrafos “porque souberon captar momentos grandiosos, os contrastes e tamén a dignidade das persoas” a través das súas instantáneas.

Na exposición Vagamundos faise un percorrido por importantes monumentos e lugares emblemáticos tanto de Europa coma de América Latina. Así, non faltan as imaxes máis características de Cuba –coma o retrato do Che Guevara-, a impresionante ponte de Oporto ou a Torre de Belém, en Lisboa. Ambos os dous fotógrafos son quen de salientar as fermosas cores de paisaxes como as de México, o Algarve, Exipto, Grecia ou Venecia, entre outros afamados enclaves.

Tanto Pablo Charlón coma Manuel Pumarega agradeceron ao Concello de Brión a oportunidade de poderen expoñer as súas fotografías na Sala de Exposicións Municipal. A mostra estará aberta ao público até o próximo 8 de maio. Poderase visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Os autores

Optometristas de profesión, Charlón e Pumarega sempre tiveron un grande interese pola fotografía. Desde que tiveron nas súas mans a súa primeira cámara réflex non pararon de capturar eses intres únicos da vida para deixalos conxelados para sempre. Mostran especial interese nas paisaxes e nos monumentos, principal eixo da exposición que protagonizan en Brión.

Froito do seu interese pola fotografía e do progresivo aumento da calidade das súas imaxes, estes dous fotógrafos colaboran coas axencias Getty Images e Istock Photo, respectivamente. Deste xeito, as súas instantáneas pódense atopar na Internet, aínda que tamén chegaron a outras grandes empresas, coma no caso de Pablo Charlón, entre as que se atopan Apple, google, Lonely Planet ou Microsoft.

20 de abril de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.