A reunión anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria achégase ás alerxias alimentarias, as doenzas autoinflamantorias ou aos trastornos dixestivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap) celebrará o sábado 18 de abril a súa IX reunión anual, no Edificio Cersia (barrio de San Lázaro) de Santiago de Compostela. A cita anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria está consolidada coma un evento de referencia para os profesionais, que queren buscar solucións para os problemas da disciplina, ao tempo que procuran a actualización de coñecementos e melloran a súa formación.

A primeira intervención do seu programa está a cargo da Dra. Ana Moreno Álvarez, pediatra adxunta especialista do Servizo de Gastroenteroloxía Pediátrica do Hospital da Coruña. A doutora Moreno vaise achegar a ‘Casos clínicos en alerxia alimentaria’ na sesión denominada ‘conversas co experto’.

‘Doenzas Autoinflamatorias’ é o título do seminario que impartirá a Dra. Inmaculada Calvo Penedés, xefa de sección da Unidade de Reumatoloxía Pediátrica do Hospital La Fe de Valencia.

Tras esta intervención será tempo para a Asemblea Xeral da AGAPap.

Xa pola tarde chegará o obradoiro ‘Trastornos funcionais dixestivos: estrinximento e dor abdominal’. A doutora Gemma Castillejo de Villasante, pediatra do servizo de gastroenteroloxía pediátrica do Hospital Universitario Sant Joan de Reus (Tarragona), será quen o imparta.

O relatorio de clausura estará a cargo da doutora Carmen Martínez González, co título “Heroes en tempo de escuridade”. A doutora Martínez González é coordinadora do Comité de Bioética da Asociación Española de Pediatría e pediatra de atención primaria en Parla (Madrid).

A AGAPap conta con máis de 200 socios e ten coma obxectivos organizar actividades formativas para os seus socios co fin de actualizaren coñecementos; informar dos avances científicos e máis elevar o nivel de competencia dos profesionais que traballan na pediatría de Atención Primaria de Galicia; e ser o vehículo que permita trasladar as inquietudes e os problemas relacionados coa profesión ás autoridades encargadas de xestionar a sanidade, co fin de optimizar os recursos dos que se dispoñen.

9 de abril de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.