A representación de “As fillas bravas” abre a Primavera Teatral de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A “Primavera Teatral” de Paiosaco ábrese este venres co primeiro dos tres espectáculo que o Concello da Laracha oferta de xeito gratuíto á súa veciñanza. As fillas bravas, do Grupo Chévere, é a proposta para iniciar o ciclo, unha comedia escrita por Manuel Cortés e interpretada polas actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza de Villar, tres mulleres que, como se afirma na sinopse do espectáculo, tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Pola súa calidade e orixinalidade, a peza obtivo o Premio Nacional de Teatro no ano 2014. A función será o venres (10 de abril) a partir das 21:00 horas no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco, con entrada libre e gratuíta para todos os veciños do Concello da Laracha.

A “Primavera Teatral” consta doutros dous espectáculos: Qué é o que precisas?, da compañía Expresión Produccións (17 de abril) e Rosa de dous aromas, protagonizada polas actrices Isabel Blanco e Sabela Hermida (24 de abril).

8 de abril de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.