A Rede de Comedores Senior de Ferrol atenden diariamente a 71 personas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá do funcionamento do servizo de Comedores Sénior para persoas maiores durante o pasado ano 2014 na comisión informativa da Área. Un total de 71 persoas acuden diariamente aos catro equipamentos sociais que están en funcionamento -26 no de Río de Xubia, 22 en Caranza, 17 en San Pablo-Catabois e 6 en Esteiro-. Actualmente, o servizo conta con dúas novas solicitudes que están pendentes de valoración, das cales unha é para o comedor de Río Xubia outra para Esteiro.

Esta rede de comedores sénior permite potenciar un envellecemento saudable mediante unha alimentación adecuada e equilibrada así como procurar un espazo relacional e de vínculos de amizade e coa comunidade. O Goberno Municipal, atendendo ao seu compromiso coas políticas sociais, abriu neste mandato dous novos comedores Sénior –San Pablo e Esteiro- duplicando deste xeito o número de prazas dispoñibles.

Ao longo do pasado ano, os beneficiarios do servizo de comedor sénior tamén realizaron numerosas actividades como charlas sobre dietética e nutrición, a proposta de “Bingo Social” ou a celebración de varias festividades. Máis concretamente, as charlas de alimentación permitiron recomendar e reeducar aos maiores para favorecer a súa calidade de vida así como informar sobre patoloxías comúns desta etapa da vida. En canto ao Bingo Social, a participación dos usuarios aporta beneficios para a saúde física, mental e afectiva dos maiores a través de actividades recreativas e estimulación lúdica con este xogo arraigado nos maiores fomentando así o envellecemento activo.

Durante o ano 2014, as persoas usuarias dos catro comedores sénior celebraron a festividade das Pepitas, o Día Internacional das Persoas Maiores, o Día do Pai ou diferentes aniversarios. Durante todos os festexos, este servizo municipal elaborou menús especiais e centrados no usuario. Así mesmo, ao longo do pasado ano, realizaranse outras celebracións como o Entroido, o Samaín e o Nadal.

Accións de voluntariado

Por outra banda, a edil de Benestar Social fixo esta mañá balance sobre as accións de voluntariado realizadas a través da Oficina Municipal de Voluntariado. Un total de 136 persoas están actualmente dadas de alta neste servizo municipal, sendo a maioría deles maiores de 40 anos seguidos polos establecidos na franxa entre os 25 e 40, e resaltando un aumento no intervalo de 18 a 25 anos. Así, son 56 os voluntarios en activo, é dicir, os que na actualidade están a desenvolver accións de voluntariado.

Dentro destas accións e programas municipais, os voluntarios colaboran coa Cociña Económica -en actividades como poden ser recoller as mesas ou servir a comida-, en recollidas para o Banco de Alimentos, en carreiras populares como a organizada con motivo do Día da Loita contra o Cancro, en accións de acompañamento, actividades de animación á lectura no Centro de Atención a Minusválidos Físicos (CAMF), en apoio ao ocio e deportes coa Asociación a Nosa Señora de Chamorro, no organización da Mostra de Corais ou nos comedores sénior da cidade.

23 de abril de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.