A piscina de Fontecarmoa volverá a contar con sete rúas en horario de 18:30 a 21:30 horas
A piscina municipal de Fontecarmoa volverá a dispoñer con carácter inmediato das sete rúas acordadas no seu día para facilitar os adestramentos dos dous clubs de natación e de socorrismo que funcionan na cidade. En concreto será entre as seis e media da tarde e as nove e media da noite cando a piscina readapte a súa distribución actual (seis rúas) para acoller unha máis. De 18:30 a 19:30, os clubs disporán dunha rúa e o resto dos usuarios das seis restantes; de 19:30 e 21:30, os clubs terán dúas rúas e o resto dos usuarios, cinco.
Con esa distribución, o goberno local dá cumprimento ao seu compromiso cos clubs, cos que incluso se plantea chegar a un acordo para que na vindeira tempada xestionen escolas deportivas municipais de base, ao igual que fan outras entidades deportivas da cidade noutras disciplinas (fútbol, basket, etcétera).
A decisión foi tomada hoxe trala reunión que, a iniciativa da presidenta da Fundación de Deportes, Elena Súarez, se celebrou na casa consistorial con presenza de representantes políticos e técnicos do Concello, da empresa concesionaria e dos dous clubs implicados no caso.
Na xuntanza fíxose un repaso de como se chegou á situación actual, na que a empresa, unilateralmente, decidiu non volver a colocar as corcheiras que habilitan unha sétima rúa na piscina. Así, lembrouse que esa decisión fora comunicada a Serviocio antes de que se denunciara o final da concesión e polo tanto se abrira unha posibilidade de prórroga da mesma. Cando esa prórroga se materializou, Serviocio sabía en consecuencia que tería que facilitar os adestramentos dos clubs e para iso tería que asumir non só a instalación das corcheiras senón que esa séptima rúa quedaba exenta de pago algún, tanto polo Concello coma polos clubs, por estar fóra do obxecto da concesión.
Na reunión de hoxe, políticos e técnicos do Concello deixaron claro a Serviocio que a titularidade da piscina é municipal, por moito que a súa explotación estea delegada nunca empresa concesionaria, e polo tanto ten que asumir a decisión de facilitar un uso deportivo da piscina por parte dos clubs. En caso contrario, a empresa tivo a oportunidade de renunciar á prórroga da concesión e non o fixo.











