A película ‘O pequeno Mago’ proxéctase na Casa da Cultura de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Casa da Cultura acollerá o vindeiro domingo 3 de maio a proxección de O pequeno mago, ás 17 horas, dentro da programación de primavera en Verín de Cinemas de Galicia. Filme de animación de 80 minutos, catalogado dentro do xénero fantástico, O pequeno mago está recomendado para idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, está ambientado na idade media.

A película gañou o premio á Mellor Banda Sonora de Longametraxe nos Premios Jerry Goldsmith. Os dous temas, compostos e interpretados polo famoso grupo francés Manau, precursores do rap celta, foron número un nas listaxes de éxitos de Francia e Bélxica, onde a gravación que os conten acadou máis de dous millóns de vendas.

A historia do pequeno mago, transcorre no século XI, en plena Idade Media, no sur-oeste do entón Reino de Galicia. Pola película pasa gran parte da sociedade da época, así como algúns dos feitos históricos máis relevantes. Por iso, o filme convértese nunha excelente e entretida lección de historia dun período tan pouco coñecido pola nosa infancia como a Idade Media no noroeste peninsular.

A película, dirixida polo galego Roque Cameselle, desenvolve unha sinxela trama argumental: Uns perigosos piratas normandos atracan en Tui, dispostos a saquear a pequena cidade. Un neno de nove anos, armado duna maxia sorprendente, logra que os asaltantes fuxan. A raíz do feito, a súa fama esténdese; coñece a Destreza, a súa inseparable compañeira, e gaña a admiración de todos. Sen embargo, o señor da cidade non lle perdoará que puxese en evidencia a súa covardía diante dos seus vasalos.

Para complementar a película, en versións para móbiles e para web, ofrécese gratuitamente o acceso a diversos recursos dixitalizados: Unha versión, con 30 niveis de dificultade, do xogo clásico Conecta 3; unha versión, con 20 niveis de dificultade, do xogo das aventuras e poderes do mago; un puzle, tamén con diversos niveis de dificultade; e un xogo con exercicios de memoria, habilidade mental e rapidez.

Tamén, hai un par de libros publicados sobre a película. Un, co título homónimo, mestura a maxia, o humor, as aventuras e a reflexión histórica. A obra titulada Bieito Dubidoso, heroe de O pequeno mago, libro que inspirou o filme, foi reeditada despois da estrea da longametraxe.

30 de abril de 2015 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.