A ópera será protagonista da programación cultural de Santiago coa nova edición de ‘Maio lírico’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe a difundir a ópera co seu apoio á nova edición de Maio lírico, unha iniciativa promovida por Amigos da Ópera de Santiago que se desenvolverá en diversos espazos da capital de Galicia entre o 4 e o 20 de maio.
A conferencia ‘Ópera en tempo de crise’, a cargo de Carmelo di Gennaro, abrirá a programación de 2015 de Maio lírico, que constitúe “unha contribución enriquecedora e de calidade á oferta cultural da capital de Galicia”, afirmou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen tamén destacou o interese da iniciativa para impulsar a presenza da ópera na programación musical e para divulgar os traballos dos compositores e intérpretes deste xénero. Anxo Lorenzo fixo estas declaracións na rolda de prensa de presentación da iniciativa, na que tamén participaron representantes da directiva de Amigos da Ópera, do Concello de Santiago e mais do Ateneo de Santiago.
O Teatro Principal, a sala de conferencias de Afundación na rúa do Vilar, o Paraninfo da Universidade e o Hotel Araguaney serán os principais escenarios de Maio lírico, que contará cun recital de Ars Atlántica o día 5 no que os artistas Manuel Vilas, Sara Ruiz, Adrián Linares e Fernando Guimaraes farán un percorrido pola ópera no século XVIII.
Para conmemorar o Día Europeo da Ópera, o 9 de maio, o festival programará un recital a cargo da soprano Ana Nebot e da mezzosoprano Marina Rodríguez Cusí. Acompañadas ao piano por Ludmila Orlová, interpretarán arias e dúos de Monteverdi, Haendel, Morzart e Rossini, entre outros.
Tampouco faltará a Gala lírica dos conservatorios de Galicia, que este ano celebra a súa terceira edición. Será o 13 de maio e nela participarán alumnos e alumnas de canto dos conservatorios profesionais de toda a Comunidade.
A audición comentada ‘Kathleen Ferrier: a voz que fixo chorar a Bruno Walter’, a cargo de Arturo Reverter e Victoria Stapells pechará o día 20 a programación, que tamén contará con proxeccións, charlas en colexios e ceas líricas, entre outras actividades.











