A Oficina Municipal de Atención Cidadá de Ferrol solucionou un 80% das peticións recibidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Participación do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, fixo esta mañá balance das demandas da cidadanía transmitidas directamente á Oficina Municipal de Atención Cidadá entre febreiro do pasado ano e o que levamos de 2015. Esta memoria indica o número de peticións resoltas por medio dos diferentes servizos municipais de mantemento de viarios, iluminación, parques e xardíns, limpeza e Emafesa, principalmente.

Así as cousas, a devandita oficina recibiu un total de 1.143 peticións entre febreiro de 2014 e o pasado mes de marzo, das cales un 80% tiveron unha resposta satisfactoria por parte dos servizos municipais. Máis concretamente, foron 367 as intervencións en mantemento de viarios, o que supón un 72% de peticións resoltas; 218 en tarefas de iluminación (98% de incidencias solucionadas); 122 de limpeza, o que representa un 98% das demandas completadas; e 91 actuacións de parques e xardíns solucionadas, o que supón o 85%. En outros servizos (Augas, Seguridade…) o índice de incidencias resoltas é do 72%, resolvéndose un total de 81 peticións das 112 recibidas.

A Oficina Municipal de Atención Cidadá recolle directamente as incidecias e suxestión veciñais de maneira presencial -vestíbulo de entrada da Casa Consistorial-, ou ben a través do número de teléfono 981 944 000 ou do enderezo electrónico: atencioncidada@ferrol.es. O horario de atención deste servizo municipal é de luns a venres de 08.00 a 20.00 horas de maneira ininterrompida.

14 de abril de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.