A Oficina de Turismo de Ourense atendeu a máis de 900 persoas durante a Semana Santa
A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Ourense atendeu ao longo da semana pasada un total de 906 persoas, cifras que ratifican a nosa cidade como foco de atención turística. A oferta de turismo termal, gastronómico e de patrimonio histórico artístico que ofrece a cidade logrou captar ata 750 novos visitantes -oito de cada dez-, a maioría procedentes de diferentes puntos da península.
Ourense segue a ser destino preferente de galegos e galegas (277 pasaron pola Oficina durante estes días), pero sobre todo de turistas procedentes alén do Padornelo (645). En canto ás persoas estranxeiras, houbo 28 procedentes de diferentes países europeos e 6 de América.
Os datos recabados confirman que a estancia media vai en aumento. Se ben seguen sendo maioría os que só pasan unha xornada en Ourense (un de cada dous), cada vez máis son os que pasan aquí 2 días (un de cada cinco) ou máis xornadas (un de cada tres).
Ao longo da semana pasada, dende o 28 de marzo ata o 5 de abril, un total de 906 persoas foron atendidas na Oficina Municipal de Turismo, sita na rúa Isabel la Catolica, nº 2 (baixo os Xardín Padre Feijóo). En 2014 foron 966, mentres que no ano 2010 foron 621. O 83% (750 persoas) visitaban por primeira vez Ourense. En canto á estancia, foi de 1 día no caso de 438 persoas (o 48% do total), por 178 de 2 días (20%) e 290 que permaneceron en Ourense máis de 2 días (32%).
Se analizamos as datas da fin de semana (días 2 ao 5 de abril), a Oficina de Turismo do Concello prestou atención a 600 persoas (65 máis ca en 2014, cando foron 535 (En 2010 foron 366). O 80% destas persoas visitaban por primeira vez Ourense (477). En canto á estancia media, 306 persoas permanecían na cidade un só día (51%), 113 dous días (19% e 181 máis de 2 días (30%). En canto á procedencia dos visitantes destes 4 días: 183 viñan de Galicia, 407 doutras comunidades españolas, 8 de países europeos e 2 de América.
Gran afluencia en visitantes ao claustro de San Francisco
O Claustro de San Francisco rexistrou unha gran acollida de visitantes estes días de Semana Santa. Entre o mércores e o domingo, máis de 400 persoas achegáronse a contemplar o mellor conservado claustro gótico de Galicia. Esta boa cifra, ven tras un mes de marzo mellor ao do ano pasado, cun total de 766 visitantes – 270 máis que no mesmo período en 2014 -. En total desde a apertura do claustro, o Concello de Ourense leva contabilizadas 17.683 visitas.
O perfil de visitante é de tipo nacional, cuns 40 anos, destacando por esta orde: madrileños, cataláns, vascos e valencianos. As persoas estranxeiras que se achegaron ao claustro procedían sobre todo de Portugal, Alemaña ou Italia, e tiñan unha media de idade de 35 anos. O espazo recibiu visitas sobre todo de ourensáns e ourensás o sábado pola tarde, a idade media destes está entre os 50 e 70 anos.
800 persoas achegáronse ao Centro Cultural Valente
Durante a ponte de Semana Santa, o Centro Cultural Valente, contabilizou unhas 800 visitas. Nestes momentos, este espazo cultural acolle a exposición “Ourense imaxinado”, un percorrido por unha cidade imaxinada, inexistente pero recoñecible, a través de dez proxectos non realizados ao longo dun século (1913/2013). A mostra abriuse ao público o martes, e ata onte, máis de 1.000 persoas en total achegáronse a visitala.
Plena ocupación dos hoteis da cidade durante os festivos
Os hoteis da cidade rexistraron plena ocupación durante os días festivos de Semana Santa 2015. Os datos recabados pola Oficina Municipal de Turismo de Ourense en contacto cos establecementos da cidade constatan que os hoteis da cidade rexistraron unha ocupación media do 98%, acadando incluso o 100% de ocupación das súas prazas hoteleiras os hoteis San Martín, NH, Carrís, Princess, Altiana, Puente Romano, San Rosendo, Mabú, Miño, Zarampallo e Cándido, dende o xoves, 2, ata o domingo, 5. Tamén salientable foi a ocupación durante a primeira parte da semana pasada, dende o Domingo de Ramos ata o mércores, 1 de abril, cunha ocupación media do 70%
2.800 persoas viaxaron no Tren das Termas
Un total de 2.824 viaxeiros e viaxeiras achegáronse ás áreas termais da marxe dereita do río Miño no servizo do Tren das Termas, dende o xoves, 2 de abril ata o domingo, 5, segundo os datos proporcionados por Urbanos de Ourense. O Tren das Termas é un servizo turístico que comunica a Praza Maior coas areas termais do río Miño, rematando nas Termas de Outariz, con saída cada hora dende a Praza Maior.
Mil bañistas nas Burgas
Pola súa banda, a área termal das Burgas recibiu a un milleiro de persoas que se bañaron nas súas augas termais durante os 4 días festivos, cunhas 250 persoas durante as xornadas do xoves, o venres e o sábado, e preto de 200 durante o domingo.











